Outra importante colección do arquivo é a formada pola obra dun dos fotógrafos galegos que goza de maior recoñecemento, José Suárez (1902-1979). Son algo máis dun centenar de fotografías de pequeno formato que forman parte das series realizadas polo autor na década dos trinta sobre a Romería de San Vitorio, Os oleiros de Niñodáguia, A malla, O carpinteiro de carros, Os traballos co liño e Beiramar. Nelas o protagonista é o home e a súa forma de vida. Presentan unha coidada preocupación estética e son ben visibles os recursos extraídos das vangardas europeas do momento (“nova obxectividade” e “nova visión”), como o uso dos picados e contrapicados ou as composicións en diagonal.

Capítulo aparte merece a colección de álbums fotográficos do século XIX, de tipo familiar, con ricas encadernacións e ateigados de cartes de visite. Destacaremos pola súa calidade e interese os da colección Méndez Núñez-Mendoza Babiano, entre os que se atopa o álbum persoal do contraalmirante Casto Méndez Núñez, que garda as fotografías dunha gran parte dos integrantes da Escuadra del Pacífico.

Dentro do apartado dedicado ós fotógrafos afeccionados, hai que resaltar que o museo conta cos arquivos de Castro, Corona González y Santos, Julio Fernández de los Ríos e José Bellver.

O museo posúe tamén unha rica colección de fotografías estereoscópicas de finais do XIX e principios do XX.

05020001.01.jpg
JOSÉ SUÁREZ, Beiramar, ca. 1930
05020001.02.jpg
JOSÉ BELLVER, Mariña, 1920-1950
Vista estereoscópica, ca. 1870 05020001.03.jpg
Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra