Vista da sala de olería popular 03080001.01.jpg

A olería popular

O Dr. Luciano García Alén, xunto con seu irmán Alfredo e José M. Gómez Vilasó, visitou centro por centro todos os oleiros de Galicia. Así conseguiu estudar todo o proceso do que é obxecto o barro dende a súa extracción nas barreiras ata os mercados e feiras, pasando pola elaboración das máis variadas vasillas, a cocción e o secado. Todo isto culminou na preparación do espléndido libro La alfarería popular en Galicia.

O seu afán de coleccionista levouno a mercar en cada un dos centros oleiros as pezas que producían, así como a recuperar aqueloutras vellas, xa usadas ou en desuso, conseguindo reunir unha ampla colección que doou ó Museo en 1974.

A actual sala que alberga esta colección ofrécelle ó visitante unha idea concisa da cerámica popular, dende a prehistoria ata a actualidade, con exemplos materiais da cultura campaniforme e da castrexa, así como da terra sigillata romana.

O discurso expositivo agrupa as pezas seleccionadas segundo a súa función: medidas, como as olas e os cántaros; xerras; pucheiros e potas para cociñar e preparar alimentos; cuncas e pratos, etc.; e tamén xoguetes realizados en barro para diversión de nenos e nenas.

Tamén se exhiben senllos exemplos dos tornos utilizados para a súa elaboración: o baixo, propio das terras do sueste de Ourense –neste caso procedente de Gundivós-, que precisa do concurso de dúas mulleres, e o alto, de Niñodaguia.

03080001.02.jpg 03080001.03.jpg
Torno Pezas de oleiría popular galega
Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra