03080003.01.jpg 03080003.02.jpg
Vista da cociña actual do Museo Moble da cociña

A cociña

Nas casas galegas a cociña era a estancia máis importante e acolledora. Nela eran recibidos os visitantes, formalizábanse contratos de compravenda e intercambios, comíase, mantíñanse faladoiros e realizábanse distintos labores. Nas aldeas adoitaba estar facilmente comunicada con outras dependencias, en especial cos cortellos dos animais.

No edificio García Flórez foi acondicionada a cociña do segundo andar en 1958.

Propia dun pazo urbano, o piso é de pedra, ó contrario das rurais, nas que normalmente é de terra batida, e a lareira é alta, elevada do chan. Sobre ela, a ampla cambota, que recollía o fume cara á cheminea, grande e esvelta, símbolo de poderío e riqueza, elemento do que con frecuencia carecen as casas humildes.

Vertedoiro no que poden apreciarse diversos útiles dunha cociña tradicionais 03080003.03.jpg

Enriba da pedra da lareira exponse a trepia ou trespés, para colocar ó lume as tixolas ou pucheiros carentes de pés, ó contrario dos potes. A gramalleira de ferro está pendurada do burro de madeira atravesado ó longo da cambota, para colgar os caldeiros e outras vasillas.

A cociña está ambientada cun carácter popular aínda vixente en calquera casa galega durante a primeira metade do século XX: candís de aceite, de gas ou de carburo, que suplían a carencia de luz eléctrica; o vertedoiro de granito; o alzadeiro de madeira, no que se exhiben pratos e utensilios de peltre, ó lado doutros de louza popular no moble de artesanía, presidido por unha pequena imaxe devocional; instrumentos cos que se traballaba nela, como o ripanzo e a debandoira, empregados nos labores do liño e da la; ferros de carbón para pasa-la roupa, e unha banqueta tallada artesanalmente.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra