Mareantes e artes de pesca

A actual sala dedicada ós mareantes expón nunha vitrina os modelos de tres das principais embarcacións empregadas para a pesca nas Rías Baixas: a dorna (xeralmente de dous remos, pero que tamén os pode compaxinar cunha única vela), o racú (para pescar coa arte do cerco, dunha grande implantación en Pontevedra en tempos pasados) e a lancha (para facelo coa arte do xeito).

Outra vitrina lémbranos a embarcación de cabotaxe patache, de dous paus (o maior e o trinquete). Uns gravados ilustran sobre a disposición dos aparellos nos mastros.

Nunha terceira preséntanse miniaturas dos barcos de pesca de baixura usados na zona do Morrazo, movidos a remo, aínda que tamén ocasionalmente se poden valer dunha vela: o polbeiro, fundamentalmente para o polbo, tripulado por unha ou dúas persoas, de Bueu; a dorna e a gamela, de popa case plana, de Cangas. Ó seu carón, unha pequena mostra bibliográfica sobre a significación que Pontevedra tivo en relación co mar.

03080006.01.jpg 03080006.02.jpg
Vitrina con agullas e tacos Maqueta de embarcacións tradicionais

O oficio das redeiras, case exclusivo de mulleres, está representado noutra vitrina por medio das agullas e os tacos ou carreiras, unhas e outras feitas artesanalmente en madeira de buxo. Xunta elas, unha colección de ‘inqueiros’ e ‘pementeiras’, realizados con patas de crustáceos e valvas de moluscos, empregados polos mariñeiros para transportar salsas e condimentos para a comida no mar. Tamén as poteiras, empregadas para a pesca da lura, do choco e da xiba, consistentes en anacos de chumbo de diversas formas, recubertos en franxas por fío de distintas cores e cunha serie de finos anzois na parte inferior.

Nas paredes da sala expóñense outros instrumentos usados na pesca: o pitambón ou zambullo, pedra esférica atada no extremo dunha corda para bater con ela a auga e facer mover o peixe; exemplos de áncoras rústicas, como a poutada, ou de ferro, como o rizón; arpóns empregados na ría de Pontevedra, en especial nas corridas de arroaces; fisgas con diverso número de dentes para a captura de peixes planos; restrelos ou raños para mariscar; e anzois de ferro para a pesca do bonito.

Fisga 03080006.03.jpg
Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra