03080007.01.gif 03080007.03.gif
Birimbao Chifre

Música popular

Os instrumentos custodiados no Museo, á parte doutras procedencias, pertencían os máis deles a Perfecto Feijoo Poncet (1858-1935), o farmacéutico pontevedrés con botica aberta na Praza da Peregrina, creador de Aires da Terra, o primeiro coro galego dedicado a impulsar, recoller e divulgar a nosa música popular. Incorporados uns cos fondos da Arqueológica, outros foron adquiridos en 1964 da testamentaría do seu fillo Carlos Feijoo. Destacan as tres gaitas que utilizara, o conxunto de ferramentas usadas para a construción de gaitas e as diversas pezas destas, tres das zanfonas que posúe o Museo, así coma outros instrumentos utilizados polo Coro Aires da Terra: os dous pandeiros, a pandeireta, datada en Santiago en 1876, o triángulo de ferro e cinco cornas, algunhas ornamentadas con decoración tallada.

A colección de instrumentos de música popular péchase cos chifres de madeira, unha parella de castañolas con decoración tallada e outra de berimbaos ou trompas, instrumento metálico no que a caixa de resonancia era a boca, onde se modulaban as vibracións producidas cos dedos na palleta.

Un instrumento co que conta o Museo, descoñecido pola súa rareza, xa que non se chegou a comercializar, é a vocalina, de vento modulado nun fol a modo de acordeón movido coas mans, ideada polo cotobadense Severino Pérez Vázquez, que chegou a presentala nunha velada literaria-musical celebrada no Teatro de Pontevedra o 16 de agosto de 1899, na que, entre outras destacadas actuacións, o inventor interpretou, acompañado ó piano por Agustín Salvador, dúas pezas co devandito instrumento.

03080007.02.gif
Zanfona
Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra