03080008.01.jpg 03080008.02.jpg
Cruceiro de Santa María Cruceiro da Praza da Leña

A cantería: os cruceiros

No labor de recuperación de obras de cantería galega destacan, polo que teñen de popular tocante ó seu arraigamento e respecto polas xentes do pobo, os cruceiros. Entre eles debemos citar tres exemplares que cómpre considerar como verdadeiras obras de arte, colocándoos sen dúbida entre os primeiros de Galicia: o de Caldas de Reis, o de Santiaguiño do Burgo e o do adro de San Bertomeu o Vello, incorporados ó Museo cos fondos da Arqueológica.

O Padroado do Museo acordou cederllos ó Concello para a súa instalación en prazas públicas, como fixera coa fonte da Ferrería para colocala nun lugar próximo ó que ocupara en orixe. Así, en 1941 sitúase na Praza da Leña o cruceiro que procedía de Caldas de Reis, no seu día incorporado roto en varios anacos e que Castelao recompuxo provisionalmente para a realización do seu estudo sobre As cruces de pedra na Galiza.

O do Burgo, que fora obxecto de diferentes instalacións nas inmediacións da capela de Santiaguiño antes da súa recollida pola Sociedad Arqueológica, tras ser derrubado foi trasladado das Ruínas de Santo Domingo ó xardín do edificio Castro Monteagudo, onde permaneceu ata a súa definitiva colocación na Praza Alonso de Fonseca, fronte á fachada meridional da Real Basílica de Santa María, en 1954.

O procedente do adro da demolida igrexa de San Bertomeu o Vello foi instalado, logo da creación do Museo da Sociedad nas Ruínas de Santo Domingo, no interior do recinto, fronte á capela maior, permanecendo aí ata finais da década dos cincuenta do pasado século, en que foi trasladado ó pequeno xardín exterior, cara á rúa Riestra.

03080008.03.jpg
Cruceiro nas Ruínas de San Domingos
Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra