O Museo de Pontevedra posúe unha colección excepcional, en número e calidade, de obras cultural e/ou cronoloxicamente apreciables como medievais. É tamén, sen dúbida, o conxunto de maior entidade e valor dese tempo que atesoura hoxe un museo galego non eclesiástico.

A orixe desta espléndida colección atópase no fantástico labor de recuperación patrimonial levado a cabo pola Sociedad Arqueológica de Pontevedra, presidida dende a súa fundación en 1894 por Casto Sampedro. Tivo esta entidade a súa sede nunha construción medieval, os restos, popularmente coñecidos como Las Ruinas, do vello complexo monumental levantado na cidade polos dominicos a partir dos últimos anos do século XIV.

Nese mesmo recinto recibiu acomodo o museo que creou a Sociedad, desaparecida en 1937, e aí foron tamén incorporados en 1938 os seus fondos ó Museo de Pontevedra, que se instalaron no que en principio se chamou a súa Sección Lapidar, ordenada e catalogada en 1950 por José Filgueira Valverde, daquela o seu director. Un total de 353 entradas insírense no sumario desa sección que publicou no Tomo V da Revista do Museo. As máis delas, non todas, corresponden a pezas recollidas no seu día pola Sociedad Arqueológica. Moitas, máis da metade, deben adscribirse, por estilo e/ou cronoloxía, á Idade Media, período ó que xa pertencían nese ano outras obras de carácter non “lapidar”, e que se viu enriquecido con posterioridade en ambas direccións por medio de depósitos, doazóns e compras, con pezas de alcance e significación moi diferente, algunhas excepcionais, todas de enorme interese tanto polo que en si mesmas son formalmente como polo que aprenden ou documentan.

Dous capítulos, o da escultura e o da pintura, serán comentados neste apartado, pois tanto as artes decorativas, moi ben representadas nas coleccións do museo, como as citadas ruínas, datables en esencia no tramo final da Idade Media, son analizadas nos apartados correspondentes.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra