Escultura (cont.)

Algo anteriores ó tímpano son as que, sen discusión, hai que conceptuar como as pezas estelares do Museo de Pontevedra na época que estamos a examinar: dúas esculturas de profetas, de difícil identificación, procedentes dalgunha das xambas da fachada exterior do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago (A Coruña). Obra indubidable dalgún artífice do círculo do Mestre Mateo, cabe datalas ó redor de 1188, ano no que se colocaron os linteis do grandioso tímpano que preside o citado pórtico compostelán. Foron compradas estas esculturas polo museo en 1956 ós Condes de Ximonde.

A escultura gótica é, numericamente considerada, a máis sobresaínte do rico fondo de obras de época medieval que custodia o Museo de Pontevedra. Destaca tamén pola súa diversidade funcional (unha portada de igrexa, vestixios de claustros, sepulcros, tímpanos, baldaquinos, cruceiros, imaxes de devoción, etc) e a disparidade das orixes dos seus artífices (autóctonos, doutros lugares de España, franceses, portugueses, etc). Gran parte destas obras, imposibles de revisar con detalle, son de proxenie galega e, moi en particular, da cidade de Pontevedra e terras máis ou menos próximas (reteñamos, como exemplos illados, a portada de San Bartolomé “o vello”, de Pontevedra; o tímpano de Santa María de Vigo, Pontevedra; ou o sepulcro de Suero Gómez de Sotomayor, procedente das citadas Ruínas de Santo Domingo). Outras son produto de importación, de filiación foránea, debendo incluírse neste apartado tanto obras chegadas xa en tempos pretéritos (débese destacar unha soberbia Virxe do Leite, datable a fins do século XIII ou inicios do XIV, obra de confusa procedencia, aínda que inequivocamente pontevedresa, executada por un mestre do centro-norte de Francia, e, sobre todo, o conxunto de pezas labradas en pedra calcaria de extracción conimbricense), como as incorporadas en datas recentes por mor do que, sen maiores precisións, poderiamos chamar o coleccionismo ou o afán de enriquecemento dos seus fondos inherente ás actividades específicas do museo (merecen atención unha Virxe e un San Xoán casteláns do século XIV, pertencentes a un Calvario).

03030002.01.jpg 03030002.02.jpg
TALLER DO MAESTRO MATEO
Profetas. 1188
03030002.03.jpg
Sepulcro de Suero Gómez de Sotomayor
1480-1485
03030002.04.jpg
TALLER DO NORTE DE FRANCIA
Virxe do leite. Principios do s.XIV
Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra