Coplas de cego. José Solla

Coplas de cego. José Solla é a exposición que este verán será protagonista no Sexto Edificio, na que se compila a traxectoria deste artista marinense que desenvolve a súa pintura entre Bueu e Mar del Plata. A inauguración celébrase o 26 de xullo, ás 20 h, e permanecerá aberta ata o 23 de setembro.

Ramón Rozas, comisario da mostra, descríbea como segue:

Pouco se podía imaxinar José Solla (Marín, 1927) que máis de corenta anos despois de acadar o primeiro Premio na II Bienal Internacional de Arte da Deputación de Pontevedra en 1976, esa mesma institución, a través do Museo de Pontevedra ía ser quen de acoller unha gran exposición que reflicte boa parte do que foi a súa longa traxectoria no mundo da arte, formulada sempre entre dous espazos físicos, pero tamén sentimentais e sensoriais.

As dúas orelas do Atlántico son o ámbito de traballo deste home que entre Mar del Plata e Bueu artellou unha pintura que comezou sendo puramente analítica do que acontecía meses portos de mar aos que se asomaba tanto alí como aquí. Actividades pesqueiras que se condensaban nunhas pinturas que, como a gañadora daquel prestixioso premio, amosaban a capacidade do pintor de poetizar a realidade e adaptala a unha linguaxe chea de posibilidades.

Isto mudou cando José Solla se mergulla no coñecemento da arte románica en España atopándose todo un universo formal e ata conceptual que pouco a pouco comezará a integrar nos seus cadros que se converteron así nun xogo pictórico que ten moito de senso lúdico dende unha sorte de narración visual que nos remite a aqueles relatos que os cegos trasladaban á poboación nas vellas feiras ás que adoitaba ir o neno José Solla xunto a súa nai. Esa memoria transcende ata hoxe e é o xerme que agroma na meirande parte dos seus cadros. Feiras, procesións, aquelarres, paisaxes, maternidades… pero sobre unha chea de personaxes recuperados dun universo tradicional de relatos e lendas que dende a oralidade e a propia recuperación da memoria do pintor póusanse nos seus cadros.

A outra gran base do seu traballo, xunto á memoria, é o debuxo, unha capacidade de expresión co pintor respecta moitísimo e á que nesta exposición se lle presta especial atención. O debuxo como punto de arrinque dunha obra maior, pero tamén como expresión por si mesma na que o sentir do pintor exprésase cunha maior vitalidade e ousadía nun pintor que nunca renunciou a exploración de novas formulacións plásticas como o colaxe e a integración de numerosos elementos como cartóns ou tecidos que enchen de posibilidades a unha chea de pezas.

Estamos, polo tanto ante cento dez obras que entre 1965 e 2009 reflicten esa sensación de ser quen de xerar un universo propio, un cosmos persoal integrado por centos de personaxes que se moven no seu interior cunha total liberdade. Un ton burlón e ata irreverente que enche a esta pintura dunha frescura e desenfado co tempo semella non estragar, ben ao contrario mantén intacta a súa capacidade de desafío para o espectador de hoxe.

Sexto Edificio. Do 26 de xullo ao 23 de setembro

Actualizado 26/07/2018 00:00

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra