O universo de Xaime Quessada. Exposición

A exposición O universo de Xaime Quessada, comisariada por Pilar Corredoira, amosará unha selección de 51 obras que comprende cinco décadas da actividade creadora do artista Xaime Quessada [Jaime Quesada Porto] (1937-2007), pertencentes a diversas coleccións privadas en nove institucións públicas.

Desde os comezos da súa formación, na súa cidade natal, a época de estudante na Escola de Belas Artes de San Fernando de Madrid (1956-1960) e ata o final da súa vida, que se pecha no ano 2007, Quessada reflectiu na súa obra os acontecementos máis relevantes do seu tempo. Testemuña dunha época marcada por grandes convulsións e transformacións, soubo reflectir a través do seu traballo as propias inquedanzas, deixando ao descuberto a sensibilidade para captar aqueles asuntos de relevancia histórica referentes á arte, ao pensamento ou á política, en definitiva, ao ser humano, sempre no trasfondo das súas motivacións.

Constrúe o seu universo, acuñando unha linguaxe enraizada nos valores esenciais da pintura, recreándose en cuestións eminentemente plásticas e estéticas, partindo dos seus puntos de referencia na arte: Rembrandt, Goya e especialmente Picasso, o seu inevitable mestre; os expresionismos xermanos, o realismo máxico, o construtivismo ou a pegada ideolóxica do muralismo mexicano teñen permanente cabida, están no trasfondo das súas motivacións.

VISITAS GUIADAS Á EXPOSICIÓN

Datas: Xoves e sábados ás 18h (a partir do xoves 15 de outubro).

Participantes: 9 persoas por sesión.

Inscrición: Debido á situación creada pola COVID é necesaria inscrición previa a través do tlfno. 986.804.100 extensión 42413 ou por correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es (de luns a venres, en horario de 8:30 h a 14:30 h).

Tanto a entrada á exposición como a participación na visita guiada é gratuíta.

Sexto Edificio. Do 24 de setembro de 2020 ao 10 de xaneiro de 2021

Actualizado 17/09/2020 00:00

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra