Os centros escolares da provincia que o desexen xa se poden acoller á edición 2019 do programa Coñece o Museo de Pontevedra convocado pola Deputación de Pontevedra. As solicitudes deberán presentarse no propio Museo atendendo as seguintes directrices:

D I R E C T R I C E S

1. O programa Coñece o Museo de Pontevedra levarase a cabo ao longo do ano 2019 coa finalidade de achegar aos escolares da provincia de Pontevedra toda a riqueza cultural da colección do museo e o intenso labor que desenvolve neste eido.

2. As visitas realizaranse dentro do horario de apertura ao público do museo, entre as 10:00 e as 21:00, e o tempo de visita oscilará entre os 60 e os 90 minutos en función do itinerario elixido.

3. Poderase escoller entre percorridos de carácter xeral ou temáticos segundo o nivel do alumnado. Para máis información chamar ó teléfono 986 804 100, extensións 42412 e 42413, ou a través do correo electrónico: gabinetedidactico.museo@depo.es

4. O grupo visitante irá acompañado polo persoal do Gabinete Didáctico, quen, dependendo da modalidade escollida, poderá facerlle entrega ao alumnado de material educativo complementario.

5. Deberase respectar a hora, o número de alumnado e o nivel educativo concertado. O Gabinete Didáctico será o encargado de velar polo cumprimento deste apartado, podendo incluso, suspender a visita seguindo criterios pedagóxicos e de seguridade.

6. A Deputación de Pontevedra financiará unha visita e un autobús por centro escolar ata esgotar a dotación orzamentaria.

7. As axudas aos centros adxudicaranse atendendo a criterios orzamentarios, de funcionalidade e de operatividade, aboando a Deputación o prezo da viaxe en consideración ao prezo medio do mercado.

8. Unha vez outorgada e realizada a visita, a empresa de transportes presentará a factura correspondente de acordo coa cantidade inicialmente presupostada e solicitada.

9. Quedarán excluídos da axuda os centros escolares do núcleo urbano da cidade de Pontevedra.

10. Todos os centros aceptan estas condicións para participar no programa.

Pasos para a tramitación da axuda:

1. Concertar a visita co Gabinete Didáctico do Museo Provincial de Pontevedra a través do teléfono 986 804 100, extensións 42412 e 42413, ou a través do correo electrónico: gabinetedidactico.museo@depo.es

2. Unha vez concertada a visita, cubrir o formulario de solicitude e presentalo, xunto co orzamento detallado da empresa de transporte, cunha antelación de polo menos 15 días á súa realización :

- No rexistro administrativo da Deputación de Pontevedra ou na súa sede en Vigo.

- Nos restantes rexistros electrónicos de calquera órgano administrativo que pertenzan á administración local, ou autonómica (oficinas do Oral, concellos, ou Xunta de Galicia).

- Nas oficinas de Correos por envío certificado.

- Por vía electrónica a través da sede electrónica da Diputación de Pontevedra.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra