A proposta do seu Consello Asesor, o Museo de Pontevedra dará o nome de ‘Edificio Castelao' ao coñecido ata agora como ‘Sexto', tendo en conta que o autor rianxeiro foi un dos seus fundadores, membro do seu Padroado, e a persoa da que institución pontevedresa conta con máis fondos, aos que acaba de sumar o Álbum Nós.
O Museo de Pontevedra formalizou a compra dos orixinais do ‘Álbum Nós' de Castelao, unha obra capital e emblemática do autor rianxeiro tanto artística como ideoloxicamente. As 49 láminas, o autorretrato de Castelao e o exlibris que pecha o álbum pasan así a formar parte dos fondos da institución provincial en propiedade logo de dispoñer delas en depósito os últimos cinco anos.
Do 3 de decembro ao 24 de xaneiro móstrase no Sexto Edificio unha selección dos máis de nove mil nadais que Xosé Filgueira Valverde foi recibindo de distintas personalidades entre 1936 e 1996.
A exposición Machados. Cinco vidas, unha historia, que se pode ver no edificio Sarmiento desde o 26 de novembro ao 2 de febreiro, ofrece unha aproximación á metalurxia e aos depósitos metálicos da Idade do Bronce Final na fachada atlántica europea partindo dun conxunto de artefactos da colección arqueolóxica da Universidade de Santiago de Compostela. Está promovida polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit).
Do 29 de outubro ao 24 de xaneiro permanecerá aberta no claustro do Edificio Sarmiento a exposición de Mestras e Mestrados realizada polo Museo de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo, con motivo da celebración do 30 aniversario da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
Todos os luns ás nove da mañá mostrarase neste apartado un vídeo da serie A porta pechada no que o persoal do Museo fai unha visita guiada a unha obra ou a unha colección exposta no Sexto Edificio ou no edificio Sarmiento. Esta actividade, que se realiza nunha xornada na que o Museo está pechado ao público, pódese seguir no Facebook ou na páxina Web desta institución.
@ Copyright 2004-2017, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. Pasantería, 2-12 - 36002 Pontevedra ES - Teléfono: +34 986 80 41 00 - Fax: +34 886 20 13 01 arriba | inicio | contactar | aviso legal