Sexto edificio

O Sexto Edificio está emprazado no soar que ocupara a horta da Compañía de Xesús, detrás da igrexa parroquial de San Bartolomeu e do Edificio Sarmiento co que se comunica.

Trátase dun edificio de recente construción que supón para o Museo unha ampliación de dez mil metros cadrados dedicados a salas de exposicións permanentes e temporais, talleres de restauración, auditorio con capacidade para duascentas corenta persoas e cafetería.

As obras deste novo inmoble iniciáronse en 2004 segundo o proxecto elaborado polos arquitectos Eduardo Pesquera e Jesús Ulargui, gañadores do concurso de ideas convocado pola Deputación de Pontevedra, que sufragou a súa construción, para a que contou coa colaboración do Ministerio de Cultura e da Consellería de Cultura.

Nas vinte e tres salas de exposición permanente achará o visitante a evolución da arte galega dende o gótico ata a actualidade, así como as manifestacións artísticas realizadas noutros puntos de España desde os tempos de Goya ata mediados do s. XX.




Evolución das obras do novo edificio

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra