Pescanova dona 400.000 euros para habilitar catro salas no novo edificio do Museo de Pontevedra e financia un premio de pintura

Louzán destacou o vello compromiso do grupo coa provincia e con Galicia e salientou que “as institucións e as empresas son instrumentos de primeiro orde para poñer en valor os nosos recursos, potencialos e apoiar ós xoves”

Actualizado 25/01/2007 12:15

museo de pontevedra

A empresa Pescanova comprometeuse esta mañá no Pazo Provincial da Deputación a realizar unha achega económica de 400.000 euros para habilitar catro salas no novo edificio do Museo de Pontevedra e instaurar un premio de Pintura anual que levará o nome de José Fernández López. Pola súa banda, a entidade provincial comprometeuse a elaborar un libro sobre a contribución do creador do Grupo Pescanova ó Museo.

Deste xeito, tal e como destacou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, a empresa continúa a súa traxectoria de compromiso co museo provincial e coa cultura galega. Neste senso, recordou que o pai de Manuel Fernández Sousa-Faro, don José Fernández López, creador do Grupo Pescanova, foi fundamental para o Museo de Pontevedra. De feito, tanto unha sala, como un dos edificios que conforman o complexo cultural leva o seu nome, en recoñecemento ás súas doazóns que permitiron converter ó Museo nun dos máis importantes de España no seu xénero. Do mesmo xeito, Louzán tamén salientou a outras persoas vencelladas a Pescanova, como Álvaro Gil, “a quen se lle debe gran parte do Fondo Castelao en pintura e en orixinais dos seus escritos”.

Obra pictórica única en España

Fernández de Sousa destacou que “o Museo de Pontevedra é exemplar en España polo que meu pai tiña unha especial predilección”. Ademais asegurou que este centro “dispón da mellor colección de pintura de España de finais do XIX principios do século XX grazas en gran medida á aportación e selección de obras que realizou Fernández López no seu momento”. Estes fondos poderán ser visitados nestas novas catro salas, algo que o presidente de Pescanova destacou de forma especial xa que se trata dunha importante obra que ten Galicia e Pontevedra e que, sen embargo, non existe nos museos de Madrid Cataluña ou Valencia.

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, destacou que “Pescanova foi decisiva na orixe do Museo de Pontevedra e será decisiva no Museo de Pontevedra do século XXI” que será segundo Louzán “unha auténtica Escola de Cidadanía que desenvolva unha dinámica, participativa e moderna actividade cultural”.

Do mesmo xeito, salientou que esta iniciativa “mostra o camiño do que moitos entendemos como auténtico e real compromiso con Galicia, no que o mundo da empresa, da cultura ou do respecto ó Medio Ambiente non son antitéticos senón complementarios”.

Finalmente, o titular da entidade provincial puxo de relevo que “os que temos responsabilidades públicas debemos apoiar a estas empresas punteiras, como Pescanova, porque son locomotoras que tiran polos sectores produtivos nosos, polo emprego, pola riqueza e polo desenvolvemento do país, fan políticas de modernidade, son básicas para o I+D, xeran emprego, frean a emigración dos xoves e poñen en valor os nosos recursos.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra