O Novo Museo de Pontevedra

Coincidindo coa inauguración da exposición O Museo de Pontevedra. Pasado, presente e futuro celebráronse, entre o 10 e o 13 de maio, as xornadas de portas abertas que permitían visitar dúas plantas do novo edificio en construción, ás que acudiron 1.269 persoas.

Actualizado 14/05/2007 09:15

museo de pontevedra

A entrada en funcionamento deste edificio repercutirá significativa e moi positivamente tanto na actividade cotiá como na proxección do Museo de Pontevedra. Contará con espazos para almacéns e talleres (restauración, fotografía, montaxe e carpintaría), un auditorio con duascentas cincuenta prazas e unha sala de exposicións temporais de case 1.000 m2 de superficie, amplitude que posibilitará que a entidade programe, como labor de produción propia ou en virtude de acordos con outras institucións, mostras de gran envergadura. A organización da sala, por outro lado, permitirá que, se fose necesario, poidan compatibilizarse sen interferencias no seu ámbito, con entradas incluso autónomas, ata tres propostas de carácter temporal diferentes.

O maior impacto, porén, producirase na esfera da exposición permanente das coleccións do Museo. As vinte e tres novas salas que se habilitarán neste edificio permitirán dispoñer de máis espazo para exhibir fondos ata o de agora non expostos ou mostrados só moi selectivamente. A montaxe destas salas obrigará, á súa vez, a reconsiderar os cometidos dos restantes inmobles da entidade, no futuro menos diversos no seu contido, máis especializados temática e cronoloxicamente.

A plena operatividade do edificio ofrecerá ao visitante/espectador outro aliciente de incuestionable interese: a posibilidade de contemplar o maior lenzo ata hoxe exhumado da muralla baixomedieval da cidade de Pontevedra e tamén o conxunto de vestixios a ela asociados, singularmente os restos dunha ferraría datable a finais do século XV, elementos, todos, descubertos no transcurso dos traballos de escavación realizados antes do inicio dos labores da súa construción.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra