Clausúrase o domingo a exposición
O Museo de Pontevedra: Pasado, presente e futuro

Actualizado 08/06/2007 14:05

museo de pontevedra

Ás dúas da tarde do domingo 10 de xuño, quedará clausurada a exposición O Museo de Pontevedra: pasado, presente e futuro, que se exhibe no edificio Sarmiento desde o pasado dez de maio, na que se analiza a historia da institución desde as súas orixes ata o futuro máis inmediato a través da documentación, fotografía e impresos.

Está integrada por cinco capítulos, o primeiro dedicado ós precedentes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, desde a súa fundación en 1984 ata 1927, en que é fundado o Museo, e os seguintes ás distintas etapas da historia da institución, pautadas pola incorporación ou anexión de novos edificios, culminando coa construción da nova sé.

Esta mostra compleméntase cunha selección das obras artísticas incorporadas nos últimos catro anos, desde a celebración da exposición coa que se conmemoraba o setenta e cinco aniversario da súa fundación: esculturas, como un Descendemento atribuído a Felipe de Castro, a Inmaculada do círculo de Gregorio Fernández ou a Cabeza feminina de Xosé Eiroa; o tímpano románico de San Xoán de Palmou (Lalín) ou a lápida funeraria xudía achada en Pontevedra; obras de Santiago Rodríguez Bonome, Joaquín Vaamonde, Castelao, Plácido Fernández Erosa, Modesto Brocos, Román Navarro, Manuel Colmeiro, Martín Echegaray, María Victoria de la Fuente, Ramón Rivas, Urbano Lugrís, Manuel Otero, Eliseo Meifrén e Laxeiro; as máscaras de Castelao para a representación de Os vellos non deben de namorarse, e pezas de acibeche e de louza de Sargadelos.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra