Os Pensionados da Deputación de Pontevedra.
1969-1982

Actualizado 23/07/2007 22:15

museo de pontevedra

O próximo venres, día 27, ás oito da tarde, inaugurarase no Pazo da Cultura de Pontevedra a exposición Os Pensionados da Deputación de Pontevedra. 1969-1982, terceira e última entrega do proxecto iniciado no ano 2003 polo Museo de Pontevedra, concibido para avaliar o que supuxo tanto en si mesma, vista desde a óptica da institución, como para o desenvolvemento da plástica galega, a concesión, por parte da Deputación Provincial de Pontevedra, de bolsas ou axudas económicas a artistas para que puidesen ampliar e/ou mellorar a súa formación noutros lugares, peninsulares ou foráneos.

A exposición estuda o período que se articula entre 1969, ano de celebración da primeira Bienal de Arte de Pontevedra, nese arranque, aínda de escasa proxección, de ámbito provincial, ata 1982, momento no que se produciu un reaxuste de enorme alcance nos fundamentos do citado certame, desde entón, coa excepción, explicable por circunstancias conxunturais moi concretas, da edición de 1990, xa non competitivo (fórao desde o seu nacemento, á marxe do formato específico -provincial, rexional, nacional ou internacional- que explicitara) e cada vez máis interesado en abrirse ás novidades, ofrecéndose, neste sentido, como un escaparate da mellor arte local, nacional e internacional do momento.

A análise conxunta dos trece anos acoutados, a valoración desta etapa coa obxectividade que posibilita o paso do tempo, ofrécesenos como algo realmente fascinante. Foi esa, en efecto, unha época apaixonante, convulsa, de debate intenso en tódalas ordes (política, social, artística…), clave para a conformación non só do período inmediatamente posterior, o da mítica década dos oitenta, senón tamén para o actual. Recordemos, por exemplo, que estamos falando duns anos tan decisivos para a vida cotiá como o foron os do final do franquismo, a transición e os primeiros da democracia, marco de referencia que nos explica a frecuente e íntima relación que daquela se producía entre a ideoloxía e o compromiso político e a actividade artística, valiosa como tal e tamén e sobre todo, nas máis das ocasións, como instrumento de pegada social.

No que respecta a Galicia, pese ao seu carácter periférico, debe sinalarse de entrada que, no esencial, a súa situación non é moi distinta da que documentamos no resto de España. Nela, dominada na esfera artística por núcleos tan activos como os da Coruña, Santiago e Vigo, terán un marcado protagonismo os pensionados da Deputación de Pontevedra. Formados fóra tódolos que acceden a esa categoría durante os anos que consideramos, xustamente mercé a esa axuda institucional, a maioría non perderon contacto coas súas orixes, contribuíndo co seu traballo, que adoitaba ter un magnífico complemento nas sucesivas edicións da Bienal, convertidas nun privilexiado “exhibidor”, á introdución de novidosas formulacións, promovendo dese modo a renovación das linguaxes artísticas e propiciando, ao mesmo tempo, o tránsito, que será xa definitivo, sen marcha atrás, á plena modernidade.

Vincúlase xenericamente esta apertura ou, se se prefire, esta homologación xeral ao labor despregado polo colectivo integrado en Atlántica, un grupo de marcada pegada cuxa eclosión se substanciou nos primeiros anos da década dos oitenta (en 1983 celebran, no compostelán Pazo de Xelmírez, a súa derradeira mostra), no cal acabarían integrándose parte dos pensionados pola Deputación de Pontevedra no decenio anterior. O proceso de modernización, sendo capital a aportación de Atlántica, comezou a facerse evidente, porén, xustamente na etapa que agora consideramos, a mediados da década dos setenta, acaso, vista con perspectiva, máis decisiva que a que segue precisamente polo que tén de crisol, de incorporación de esforzos renovadores, de adopción e adaptación de novas propostas, oscilantes, por non ser en modo algún unidireccionais, entre a figuración e a abstracción, en ambos casos coas diversidades e matizacións que tales etiquetas posibilitan.

Non todo o que se produce e articula no período que valoramos nesta entrega ten o seu referente ineludible en Atlántica. Nos últimos anos da etapa recibiron pensións artistas máis novos que, amparándose ou servíndose certamente das súas aportacións e, sobre todo, dos camiños de homologación que eles abriron, irán por outros eidos, menos comprometidos social e colectivamente, máis centrados en buscas persoais, en consonancia, como proba definitiva e incuestionable da súa actualización, coa tónica xeral de desenvolvemento da praxe artística no último treito do século XX.

Na exposición poderán contemplarse obras dos artistas seguintes: Manuel Busto, Fernando Carballa, Freixanes, Antón Lamazares, Armando L. Guerra, Francisco Mantecón, Bieito M. Vázquez, Fernando M. Vilanova, Din Matamoro, Amabel Míguez, Antón Patiño, Coco Pimentel, Silverio Rivas, Guillermo Segovia, Lino Silva, Manuel Soengas e Ángeles Valladares.

A exposición, promovida no marco da súa programación de verán pola Deputación Provincial de Pontevedra, ten como comisario a José Carlos Valle Pérez, director do Museo de Pontevedra. Producida por este último, conta coa colaboración de Caixanova, a Consellería de Cultura e Deporte, da Xunta de Galicia, e o Concello de Pontevedra. Estará aberta ata o 16 de setembro e poderá ser visitada, de martes a sábados, de 11 a 14 e de 18 a 21 horas, e os domingos e festivos de 11 a 14 horas, permanecendo pechada os luns.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra