Tras varios meses de traballos, xa poden ser visitadas as exposicións dedicadas a ferros artísticos, ó traballo do liño e a sala de Sargadelos

Reapertura de salas renovadas

Vista actual da sala de Sargadelos (arriba) e antes da súa remodelación (abaixo)

Actualizado 24/07/2007 06:15

museo de pontevedra

As vitrinas destinadas á exposición de ferros artísticos e obxectos relacionados co traballo do liño –ambas situadas no andar superior do edificio García Flórez do Museo- foron remodeladas coincidindo no tempo coa reestruturación, na mesma planta, da sala dedicada á cerámica de Sargadelos.

Para poder mostrar ó público a presentación que hoxe se pode contemplar foi preciso levar a cabo unha modificación de carácter xeral, na que á ampliación das vitrinas, agora con máis profundidade e nova iluminación, engádese a incorporación de rotulación, paneis explicativos un discurso expositivo actualizado. En base a iso realizouse un proceso selectivo das pezas, dando a coñecer as máis destacadas da colección, coas que se pretende achegar ó público a dous dos aspectos máis representativos da etnografía popular.

A sala destinada á exposición de cerámica de Sargadelos, emprazada no último andar do edificio García Flórez, foi inaugurada tras un proceso de remodelación xeral levado a cabo nos últimos meses.

Para conseguir o resultado que hoxe se mostra ó público foi necesario reacondicionar o marco de exposición, modificando, ademais do aspecto xeral da sala, a estrutura das vitrinas, o sistema de iluminación e a tapicería das mesmas, agora cunha nova cor. Ademais, e en relación co discurso expositivo, levouse a cabo unha selección das pezas -eliminando algunhas e engadindo outras novas- optando polas máis representativas dunha colección que na actualidade supera as oitocentas, -unha das máis importantes reunidas no mundo-, conseguindo un efecto xeral de maior lixeireza e dinamismo.

O proxecto completouse coa inclusión da correspondente rotulación e novos paneis informativos cos que se pretende achegar ó público á que foi unha das fábricas de louza moderna máis importantes de España no século XIX.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra