Os participantes no obradoiro Para ser grumete concluíron as sesións prácticas de navegación a vela en embarcacións tradicionais

Actualizado 10/08/2007 07:15

museo de pontevedra

Esta actividade foi o complemento das desenvolvidas ao longo de máis de 22 horas no Museo de Pontevedra nas que os participantes se introduciron no coñecemento das descubertas e viaxes oceánicas (s. XV-XIX), na historia dos mariños que participaron nelas, na evolución dos tipos de barcos e dos instrumentos náuticos que utilizaron.

As sesións de navegación fixéronse coas embarcacións da Asociación de Amigos das Embarcacións Tradicionais Os Galos de Bueu. Dita asociación está presidida por Victor M. Domínguez Antas. El, xunto a outros membros da asociación e a José Manuel Castaño García, Responsable do Gabinete Didáctico do Museo de Pontevedra, profesor e organizador do obradoiro, amosaron aos asistentes a forma de navegar nestes barcos iguais aos que se poden observar na ría de Pontevedra nas fotografías da fin do s. XIX ou comezos do XX.


MÁIS INFORMACIÓN

As embarcacións coas que contan Os Galos neste intre son dúas dornas pequenas con velas de relinga, unha dorna xeiteira, un choupán, unha traíña con vela mística e, en especial, dous botes polbeiros e un bote xeiteiro.

Estes botes son as embarcacións máis típicas e propias de Bueu usadas ata os anos 60 do século XX. A diferenza entre o bote polbeiro e o xeiteiro radica nas súas dimensións. O primeiro mide uns catro metros de eslora e o segundo arredor de 5 metros e medio. Levan unha cuberta que é aproximadamente a terceira parte da eslora. Dende comezos do século XX van aparellados cunha especie de vela mística (en Bueu din guaira). Con anterioridade levarían vela de relinga como as lanchas coas que teñen parecido (tamén desaparecidas polos mesmos anos) ou como as velas da dorna.

A traíña, na que se ve en varias imaxes aos alumnos do obradoiro didáctico navegando, é unha reconstrucción de embarcacións feitas en Bueu en 1930. Foi a evolución da traíña do Cantábrico introducida en Galicia a fins do s. XIX para a pesca da sardiña. Algunhas das fotos do Arquivo Gráfico do Museo de Pontevedra de comezos do s. XX amosan embarcacións iguais a ela. Trátase dunha embarcación rápida de propulsión mixta (remos e vela). Nas imaxes vémola navegar coa vela mística.

Con esta actividade, complementaria das sesións celebradas no Museo, pretendeuse que os asistentes tomasen contacto coas embarcacións a vela semellantes ás embarcacións menores das épocas abarcadas no obradoiro, e tamén contribuír á valoración e recuperación do patrimonio marítimo de Galicia.

Nas xornadas activas no Museo, ademais de familiarizarse coa terminoloxía náutica (partes dun barco, tipos de velas, paus, vergas, enxarcia...), os participantes realizaron os principais nós utilizados a bordo, manipularon e aprenderon a manexar os instrumentos empregados para averiguar a velocidade (corredeira de barquiña), contar o paso do tempo (“ampolletas”) ou medir a altura do sol ou a estrela Polar sobre o horizonte para calcular a latitude (cuadrante, astrolabio, balestiña, octante, sextante). Leron, tamén, diversos relatos deixados polos protagonistas en Diarios de Navegación ou publicacións antigas, así coma outros inventados para este obradoiro coa finalidade de coñecer a vida a bordo, o proceso descubridor ou realizar con eles actividades sobre cartas náuticas.

Para ser grumete celebrouse este ano por segunda vez consecutiva e terá continuidade en sucesivas ocasións. As persoas interesadas en participar neste obradoiro gratuíto poden poñerse en contacto co Gabinete Didáctico (gabinetedidactico@museo.depontevedra.es). Ten un carácter de divulgación e está aberto a persoas de calquera profesión ou nivel de estudos.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra