Novedades editoriais do Museo

Actualizado 22/08/2007 14:20

museo de pontevedra

Neste último mes saíron do prelo catro publicacións, todas complemento de cadansúa exposición de carácter temporal, no propio Museo ou coa súa participación.

Trátase dos seguintes catálogos:

  • Xosé Filgueira Valverde, 1906-1996. Un século de Galicia
    Este libro recolle nas súas cincocentas páxinas, en galego e castelán, os textos elaborados a partir das conferencias impartidas no Simposio celebrado durante o mes de decembro de 2006, como complemento da exposición, de igual título, exhibida no edificio Sarmiento. O seu prezo de venda é de 30 euros.
  • Os pensionados da Deputación de Pontevedra (1940-1969)
    Terceira e última entrega do proxecto que estuda a concesión de bolsas, por parte da Deputación Provincial de Pontevedra, a artistas para que poideran ampliar ou mellorar a súa formación fóra da provincia. Neste tomo analízase o período entre 1969, ano no que arranca a Bienal de Arte de Pontevedra, e 1982 no que deixou de ser un certame de carácter competitivo. Este título complementa ós dous anteriores Os pensionados da Deputación de Pontevedra (1864-1933) e Os pensionados da Deputación de Pontevedra (191940-1969). Cada un destes volumes ten un prezo de 20 €, mercando os tres conxuntamente o prezo será de 50 €.
  • A vangarda cotiá. Torres García e Barradas. 1917-1929
    Catálogo complementario da exposición do mesmo título, que recolle obras de dous artistas uruguaios de orixe española, Torres García e Barradas, dous creadores importantes no seu tempo tanto como referentes do eido artístico sudamericano, como para o desenvolvemento da vangarda histórica española. Centrada unha época moi concreta das súas respectivas producións que vai dende 1917, ano no que se coñeceron en Barcelona, ata 1929, data na que Barradas falece en Montevideo. Custa 20 €.
  • Novos Valores 2007. Obra seleccionada
    Un ano máis as obras seleccionadas polo xurado do certame Novos Valores, reúnense nunha exposición, que está complementada cun catálogo no que se recolle o comentario de Natalia Poncela López, e as fotografías de cada unha das obras coa súa ficha técnica. O prezo deste catálogo é de 10 €
    Estes catálogos poden mercarse ben en cada unha das exposicións en curso, no propio Museo de Pontevedra, ou a través deste mesmo Sitio Web.
Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra