Visitas escolares. Gabinete Didáctico

Actualizado 09/09/2007 17:10

museo de pontevedra

A partir do martes, 2 de outubro, comeza o programa de visitas didácticas do curso 2007-2008 para os estudantes dos diferentes niveis escolares. O profesorado interesado debe poñerse en contacto co Gabinete Didáctico para concertar a visita coa maior antelación posible, elixindo entre unha ampla oferta de actividades organizadas para todos os niveis.

Para elas creáronse uns materiais didácticos que pretenden que os estudantes realicen unha visita activa, na que a observación das obras e obxectos expostos teña un papel relevante.

Este material de traballo adoita ser un conxunto de follas, guías ou cadernos didácticos cos que se proporciona unha breve información ao tempo que se propoñen actividades de observación relacionadas con ela.

Para algúns itinerarios e temas o traballo nas salas de exposición permanente complétase cun material multimedia para utilizar no propio Museo. Ademais da parte explicativa, conta con varios xogos educativos e actividades intimamente relacionadas cos propios contidos.

Como os fondos do Museo de Pontevedra son moi variados, a oferta de itinerarios e tipos de visita tamén o é. Por esta razón a maioría do material didáctico está pensado para abordar materias concretas no caso das visitas temáticas, pero outras veces ten un carácter máis amplo, pois vai a ser utilizado con grupos que desexan unha visión xeral do conxunto.

O noso material está creado para utilizar nas propias salas onde o equipo didáctico atende aos estudantes aos que se lle entrega de forma gratuíta. Ha de adaptarse a unha duración de visita concreta (entre 90 e 120 minutos) e a uns niveis determinados. Está sobre todo pensado para os estudantes maiores do Ensino Primario, os de ESO e os de Bacharelato. Para os nenos e nenas máis pequenos realizamos visitas descubrimento con actividades que teñen como finalidade sorprendelos e espertar a súa curiosidade.

No curso 2006-2007 dez mil douscentos sesenta e catro estudandes visitaron o Museo de Pontevedra atendidos polos membros do Gabinete Didáctico. O 54% deles eran de Primaria, e o 38 % de ESO. Os de Bacharelato representaron algo máis do 4% e os de Ensino Infantil superaron o 3%.

As visitas son gratuítas e poden concertarse en gabinetedidactico@museo.depontevedra.es ou chamando aos teléfonos 986843238 ou 851455.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra