Próxima exposición no Museo de Pontevedra

Solana nas coleccións MAPFRE

Actualizado 22/10/2007 10:36

museo de pontevedra

O próximo xoves, día 25, ás oito da tarde, inaugurarase no edificio Sarmiento a exposición Solana nas coleccións MAPFRE, unha mostra organizada conxuntamente pola FUNDACIÓN MAPFRE e o Museo de Pontevedra.

José Gutiérrez Solana (1886-1945) é, sen dúbida, unha das figuras máis singulares da arte española do século XX. Tanto a súa biografía como a súa obra poñen de manifesto unha personalidade obstinadamente excéntrica, irreductible a todo encadramento no marco do panorama artístico convencional, pois la súa é unha traxectoria allea por igual as vangardas – que non ignoraba – e á tradición académica. Creador dunha visión profundamente persoal, nas súas pinturas, augafortes e litografías así como nos seus textos, Solana parece acercarse, sobre todo, á literatura española da súa época. Os seus temas – unha realidade sórdida, triste e marxinal, a veces terrorífica – e o seu estilo – bronco, brutal en ocasiones – foron relacionados con escritores como Pío Baroja ou Valle Inclán. Porén, unha radical diferenza de actitude sepárao da xeración do 98: na obra de Solana non existe o menor sentido crítico ou rexeneracionista. Pola contra, móstranos, a través dos seus temas favoritos, unha realidade escura na que parece moverse coa maior naturalidade: procesións, máscaras, vitrinas, trapeiros, estraños bodegóns de connotacións necrófilas, interiores asfixiantes ou mulleres da vida. Todos eles se repiten insistentemente ao longo da súa carreira, contribuíndo a crear unha lenda, que el mesmo cultivou, inzada de historias e anécdotas que falan dun personaxe absolutamente idiosincrásico, que tivo un dos seus maiores defensores en Ramón Gómez de la Serna, compañeiro de xeración e de faladoiros.

MAPFRE posúe unha importante colección de obras de Solana. Compóñena seis óleos sobre lenzo e unha trintena de estampas. Os óleos, realizados entre os anos 1917 e 1938, período do seu asentamento e maduración como pintor, representan unha magnífica síntese do repertorio temático e iconográfico do artista. En elas están presentes algúns dos temas que obsesionaron sempre a Solana, como o espectáculo dos ritos relixiosos da rúa, a morte ou o carnaval. Son temas que desvelan semellanzas de formulacións e iconografías co expresionismo belga ou a nova obxectividade alemá.

As estampas son, na súa totalidade, obras tardías, o que se explica por non terse interesado antes o propio Solana neste xénero. Boa parte destas obras fan referencia a personaxes ou escenas xa retratados en óleos anteriores.

A colección de gravados e litografías que compoñen esta exposición procedente da estampación realizada por Rafael Díaz-Casariego en 1963 con introdución de Ramón Gómez de la Serna, para o que se refire aos augafortes, e á estampación realizada por Manuel Repila no taller de Dimitri Pageorghiu, sobre papel xaponés Hosho, editadas en 1963 por Rafael Díaz-Casariego con comentarios de Manuel Sánchez Camargo. Se ben as dúas edicións son póstumas realizáronse coas pranchas orixinais que conservou Solana ata a súa morte e son as únicas edicións completas que, como tal se coñecen.

A exposición estará aberta ata o 16 de decembro. Poderá ser visitada nos horarios habituais, isto é, de 18:00 a 21:00 h, de martes a sábado, e de 11:00 a 14:00 h os domingos e festivos.

Como complemento da exposición programamouse un ciclo de conferencias no que se que se analizarán a obra de Solana, os seus precedentes barrocos, a arte española coetánea e a súa influencia sobre a plástica galega. Será impartido polos profesores Raquel González (Museo Nacional del Prado), Mª. Dolores Jiménez Blanco (Universidad Complutense de Madrid), Juan M. Monterroso (Universidade de Santiago de Compostela) e José Manuel López Vázquez (Universidade de Santiago de Compostela). Celebrarase durante os días 20, 21, 22 e 23 de novembro. Concederase diploma de asistencia, debendo os interesados inscribirse previamente na Secretaría do Museo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra