Bo Nadal

Actualizado 10/12/2007 22:22

museo de pontevedra

Este Nadal o Museo de Pontevedra felicita as festas coa súa tradicional tarxeta, na que se reproduce unha obra adquirida neste ano 2007, trátase de Santa Trahamunda, unha pintura sobre muro, que o pintor Urbano Lugrís Gómez (1908-1973) realizou cara o ano 1957 para a capela do Sanatorio Álvarez de Santiago de Compostela. Este panel foi adquirido polo museo xunto con outros dous que representan a San San Pedro de Mezonzo E a Santa Tecla.

A elección de Santa Trahamunda vén dada pola súa lenda, tal como figura na propia pintura é Avogada da Saudade. Conta a lenda que Santa Trahamunda era monxa no convento de San Martiño, da orde de San Bieito. Cando os árabes invadiron España, levaron ás mozas máis fermosas como regalo para o seu sultán, entre elas íaTrahamunda, que foi levada a Córdoba, onde tentaron que renunciara á súa fe, como se negou, foi encerrada nun calabozo, onde a saudade se apoderou dela. Ata unha noite de San Xoán, na que sentiu unha fonda tristura polo agoiro de estar na súa terra cos seus. Na súa prisión apareceron uns anxos que a trasladaron de novo ao seu Poio natal, onde pasou o resto dos seus días, sendo enterrada nun sartego de pedra que aínda se conserva no seu convento.

A imaxe da tarxeta vai acompañada pola reprodución do poema inédito, conservado no arquivo Filgueira Valverde, titulado Do alén, da autoría de José Mª Álvarez Blázquez, escritor ao que o se lle dedica o Día das Letras Galegas do próximo ano 2008.

Estes “nadales”, como o resto das nosas publicacións, poden ser adquiridos no Museo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra