Bagaría en Pontevedra

O rodicio do tempo

Actualizado 03/03/2008 20:08

museo de pontevedra

Os anos pasan e non en balde, por iso hoxe para a inmensa maioría dos lectores e lectoras, este nome -Bagaría- non lles di nada, como moito, algúns lembrarán que publicou nos xornais madrileños monos ou debuxos humorísticos antes da Guerra Civil. Que eu saiba, a súa relación con Galicia foi pequena, cinguíndose case só á amizade que mantivo con Castelao.

Estes días pódese admirar no Museo de Pontevedra unha extraordinaria exposición de obras de Luis Bagaría, barcelonés de nacemento e madrileño de residencia, que rematou os seus días -como tantos outros, e entre eles o amigo Castelao- no exilio, na capital cubana. Non é a primeira vez que a devandita institución mostra parte da obra deste autor, pois xa en 1983 (se mal non me lembro) estivo durante algún tempo a dirixida por José Antonio Durán e Antonio Elorza, pero a diferenza da que se pode ver agora, aquela estaba formada por paneis fotográficos dedicados a personaxes importantes (Valle-Inclán, Pío Baroja, Ortega y Gasset, Benavente...), a algúns temas (El paraíso perdido, Darwin y la rebelión mona, La república de la Creación, Pacifistas de oficio, De la Iglesia, Pan, fútbol y ... ¡toros!, Cosas de ricos, Reyes... magos etc.), e, por último, os correspondentes á biografía e ao tempo histórico que lle cadrou vivir.

No caso da mostra de Durán e Elorza tratábase de reproducións, dende os debuxos orixinais ou dos publicados en xornais e revistas, abranguendo tamén toda a vida do artista. Pola contra, a actual está formada exclusivamente por orixinais, e remata cando se ve obrigado a deixar de publicar pola implacable persecución de que era obxecto por parte do ditador Primo de Rivera, que mesmo chegou a ameazar o xornal con pechalo se non botaba o debuxante.

Queda dito que entre Bagaría e Castelao existiu unha fonda amizade e admiración, colaborando tamén ambos os dous en El Sol. Na última época, antes de empezar a dura paréntese da Guerra Civil, ao catalán déuselle por facer varias entrevistas ilustradas cunha caricatura do personaxe e unha fotografía súa vestido de indio piel roja, e un dos escollidos foi o noso Castelao, publicada en El Sol o 19 de xuño de 1936, un mes antes do estoupido da loita fratricida. Así empeza Una conversación con el gran caricaturista gallego Castelao:

    "Hermano, deja antes que nada que te abrace no te espanten mis aristas, pues sé limarlas de cuando en cuando, y este caso es uno de ellos. Abrazar al viejo camarada Castelao bien vale el esfuerzo. Obra de amor ha sido y es la tuya, franciscano hermano; la ternura con que tu lápiz dibuja a los ciegos con su cabeza alta, alta, no sé si su altivez va unida a una blasfemia o es una plegaria pidiendo una limosna de luz, y tus emigrantes, acurrucados unos con los otros, soñando un mismo sueño... Y después hay que ver cómo se transforma tu lápiz, como por encanto de una meiga, en fuerte alma que golpea la cara viscosa y ratonil del cacique de tu tierra. Cuántas veces al contemplar tu obra me molestan mis rugidos!..."

Unha das preguntas é verbo do Estatuto e de se está contento con el:

    "- ...Con que pueda respirar libremente le basta. A Galicia le basta con poder resolver sus problemas vitales, y a mi me gustaría una Galicia con las puertas abiertas, sin carabineros. Somos internacionalistas por convencimiento y universalistas por naturaleza. Recuerda que en el cielo ha quedado un camino de estrellas para señalar nuestra comunicación con el mundo antiguo y en el fondo del Atlántico debe de existir un camino de esqueletos gallegos para marcar nuestra comunicación con el mundo nuevo. Aspiramos a que Galicia sea simplemente un paraíso...".






Publicado en Galicia-Hoxe.com por Clodio González Pérez
http://www.galicia-hoxe.com/

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra