Mércores 30 de abril, 20.00 horas

Espazos sonoros. Ciclo de cámara
Música en espazos de interese cultural
Arte en pArte dúo de guitarras clásico-románticas

Iago Reigosa
Ángela Ferreiro

Actualizado 28/04/2008 10:08

museo de pontevedra

PROGRAMA

  • Duo Nocturne Op. 3, Antoine de L´Hoyer (1768-1836)

        Andante
        Menuetto
        Moderato
        Andantino

  • Divertissement Op. 62, Fernando Sor (1778-1839)

        Andante cantabile
        Mouvement de Polonaise

  • Obertura de “El Barbero de Sevilla”, G. Rossini (1792-1868),
    (Arr. A.H.Varlet, s.XIX )

        Maestoso
        Allegro con brio

  • (pausa)
  • Fantasía Op. 54 bis, F. Sor

        Andante Allegro
        Andantino
        Allegro "Dans le genre Espagnol"

  • Unrühe, Mazurca, Johann Kaspar Mertz (1806-1856)
  • Souvenir de Rusia Op. 63, F. Sor

        Andante Moderato
        Tema e Variacións
        Allegretto




No mundo da música existe un grande paradoxo: algúns compositores, non necesariamente os mellores, son recordados e estudados mentres que outros, igual ou incluso máis significativos, permanecen no esquecemento. Sucedeu así co guitarrista e compositor Antoine de L´Hoyer (1768-1836) que, levando o desenvolvemento da música escrita para dúas guitarras ao máximo nivel do repertorio guitarrístico da primeira metade do XIX, permaneceu practicamente desaparecido dos programas de concerto ata que os estudos sobre a súa biografía e as gravacións da súa música feitas polo noruegués Eric Stenstadvold na década dos noventa chamaron a atención sobre a figura deste guitarrista francés. No caso do catalán Fernando Sor (1778-1839), sería a súa biografía, Fernando Sor. Composer and Guitarist, publicada en Londres en 1977 por Bryan Jeffery, a que espertaría un novo interese pola música feita para dúas guitarras polo músico español.

O primeiro deles, Antoine de L’Hoyer, francés monárquico nos tempos da revolución francesa. O segundo, Sor, español “afrancesado” no tempo da Guerra da Independencia contra o exército francés. Curiosamente, os dous contemporáneos, cara e cruz dunha mesma moeda, compartiron vidas similares aínda que non exista constancia de que chegaran a ter contacto entre eles: exiliados das súas patrias por razóns políticas, pasaron grandes períodos das súas vidas apartados dos seus lugares de nacemento e incluso case coincidindo nalgunha desas cidades de paso. Logo de enrolarse no exército austríaco e vivir algúns anos en Hamburgo, L´Hoyer instálase no 1804 na Rusia do zar Alexander I, para despois volver a París en 1813. Sor chega a París no 1813 e reside alí dous anos. Despois trasládase a Londres no ano 1823 e desde alí, pasando de novo por París, Berlín e Varsovia, vai a Rusia, onde unha marcha fúnebre escrita por el foi interpretada no funeral do zar Alexander I. Despois, Sor volvería a París e ficaría alí ata o final da súa vida. Pero daquela, L´Hoyer xa tiña a súa residencia en Córsega e máis tarde en Alxeria, ata os seus últimos momentos, nos que tamén volve a París onde repousan os seus restos, igual que no caso do español.

No programa de hoxe están incluídos catro dos seis Dúos Nocturnos Op.37 de Antoine de L’Hoyer, mostra perfecta do seu estilo de escritura concertante para dúas guitarras, e tres obras de Fernando Sor, o Divetissement op.62, que é unha das mais fermosas obras do compositor para esta formación, o Souvenir de Russie Op.63, sobre dous temas populares rusos do tempo pasado nese país, e a Fantaisie Op. 54 bis co seu final “Allegro. Dans le Genre Espagnol” , cun marcado carácter do folclore popular.

Igual que o Op.37 de L´Hoyer, os dous pequenos dúos de J. K. Mertz que se inclúen neste programa consérvanse na colección Boije da Musikaliske Akademiens Bibliotek en Estocolmo, unha das máis importantes fontes do repertorio de música para guitarra do século XIX. Escritos para ser interpretados cunha guitarra “normal” e unha guitarra “terzina” (con tesitura máis alta), estes dúos poden ser tocados igualmente empregando un “capotasto” na primeira guitarra para elevar a afinación desta.

O caso da obertura de “Il Barbiere di Siviglia” adaptado para dúas guitarras por A. H. Varlet é , simplemente, un exemplo do habitual costume dos guitarristas e editores da época de acercar as melodías máis populares ao alcance de calquera afeccionado, que podía deste xeito gozar, na intimidade da súa casa, do pracer dos grandes éxitos orquestrais do momento.

Iago Reigosa

Arte en pArte nace en Vigo en 1995 integrado polos guitarristas Ángela Ferreiro e Iago Reigosa, coa intención de interpretar música escrita para dúo de guitarras dos séculos XIX e XX. Despois dun período de formación no que reciben clases de importantes figuras como Los Angeles Guitar Quartet, David Russell, Manuel Barrueco, José Tomás e Gerardo Arriaga, entre outros, no ano 1997 fan a súa presentación en concerto.

En 1998 participan no “VII Concurso Internacional Simone Salmaso” (Italia) e obteñen o 2º premio. Son galardoados de novo no concurso “Ghitaralia 98” (Polonia). A partir de entón centran a súa actividade no repertorio do século XIX. Para a súa interpretación empregan dúas guitarras clásico-románticas construídas en Colonia por Bernhard Kresse, que se baseou nun orixinal de 1840 do guitarreiro Louis Panormo. Será o único grupo español seleccionado no ano 2000 para participar no Fringe do XXIII Festival Internacional de Música Antigua de Barcelona.

Arte en pArte actuou tanto en escenarios españois como de fóra do noso país, visitou cidades como Madrid, Barcelona ou Valencia e tocou en lugares como o auditorio da Fundación Juan March (Madrid), o Palau Centelles (Barcelona), o Mosteiro de San Rosendo de Celanova, o Hostal dos RR.CC. (Santiago), o Festival de Música Cidade de Lugo, o Festival Internacional de Guitarra de Ponferrada, o ciclo Música na Compañía, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela, ou o Ciclo Guitarrísimo, organizado polo Instituto Cervantes de Múnic. En 2007, e contando coa colaboración da Axencia Española de Cooperación Internacional e do IGAEM, realizan una xira por Brasil organizada polo Instituto Cervantes de São Paulo, que lles leva a percorrer as principais cidades do país (Rio de Janeiro, São Paulo, Brasilia, Salvador de Bahía e Porto Alegre) e que inclúe a súa presentación na prestixiosa Sala Cecilia Meireles de Rio de Janeiro e a realización dunha Masterclass na Escola Municipal de Música de São Paulo. En marzo de 2008 participan no Festival Internacional de Guitarra organizado polo Instituto Cultural Peruano-Norteamericano, no que ademais imparten clases maxistrais.

En novembro de 2001 participan no Simposium sobre guitarra e cítara, organizado pola fundación Stiftung Kloster Michaelstein (Alemaña), onde realizan unha conferencia-recital sobre a guitarra española ca. 1800, incluída no libro Guitarre und Zister. Bauweise, Spieltechnik und Geschichte bis 1800, publicado posteriormente pola mesma fundación en 2004.

En 2003, a compañía discográfica Nuova Era (Italia) publica o seu primeiro CD, dedicado á música para dúas guitarras do compositor español Fernando Sor.

“...un grao de compenetración moi difícil de acadar que mostra ata que punto o dúo de guitarras é unha especialidade... non son só cómplices no mecanismo, neses dezaseis dedos perfectamente acordados, senón tamén no espírito, na idea dunha música que expresa e flúe para rematar comunicando” (Javier Suárez-Pajares, Diverdi.)

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra