Ciclo de conferencias: Casto Sampedro, A Sociedad Arqueológica de Pontevedra e a recuperación da tradición musical de Galicia

Este ciclo celebrarase no Salón de Actos do edificio Fernández López do 26 ao 29 de maio, ás 19:30 horas. Aqueles que desexen obter diploma de asistencia poden inscribirse antes do comezo da primeira conferencia, no propio museo

Actualizado 12/05/2008 07:13

museo de pontevedra

A Sociedad Arqueológica de Pontevedra, nacida no verán de 1894, desenvolveu un labor extraordinario no eido das Ciencias Históricas. Sen o seu fecundo traballo de investigación, acopio de fondos e difusión sería moi difícil de explicar o que hoxe é e significa o Museo de Pontevedra, fundado o 30 de dicembro de 1927, por iniciativa da Deputación Provincial, para continuar e completar as tarefas promovidas pola Sociedad e o seu Presidente, Casto Sampedro y Folgar, primeiro director da institución, unha das máis excelsas figuras da erudición galega do seu tempo.

O estudo, a investigación, foi un dos cometidos esenciais da actividade cotiá da Sociedad Arqueológica. As súas iniciativas, con frecuencia novedosas, seguen a ser de imprescindible consulta na actualidade. É o que acontece, por exemplo, coa recuperación da tradición musical de Galicia, tarefa indisolublemente unida no seu arranque á figura eminente de Casto Sampedro. A súa coñecida recompilación, premiada nun Concurso convocado en 1909 por la Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, foi publicada en 1942, reconstituída e precedida dun rigoroso estudo de José Filgueira Valverde, polo Museo de Pontevedra.

A ponderar, visto desde hoxe, o que supuxo ese traballo, está dedicado este curso. Pecharase cun concerto do Cuarteto ANTARES. Interpretará un programa integrado por obras de autores galegos representados no rico arquivo musical do Museo de Pontevedra, iniciado xustamente cos materiais recollidos por Casto Sampedro para o citado e afamado Cancionero Musical de Galicia.



PROGRAMA

  • 26 de maio
    Conferencia: A Sociedad Arqueológica de Pontevedra
    Xosé Carlos Valle Pérez. Museo de Pontevedra
    Salón de Actos do edificio Fernández López
    19:30 horas
  • 27 de maio
    Conferencia: Reminiscencias pedrellianas no traballo musical
    de D. Casto Sampedro y Folgar

    Carlos Villanueva. Universidade de Santiago de Compostela
    Salón de Actos do edificio Fernández López
    19:30 horas
  • 28 de maio
    Conferencia: A creación musical culta no contorno do Museo de Pontevedra
    Luis Costa. Universidade de Vigo
    Salón de Actos do edificio Fernández López
    19:30 horas
  • 29 de maio
    Conferencia: Procedencia e autoría das transcricións musicais
    editadas no Cancionero Musical de Galicia

    Xavier Groba. Etnomusicólogo
    Salón de Actos do edificio Fernández López
    19:30 horas
  • 30 de maio
    Concerto do Cuarteto ANTARES: o legado musical do Museo
    Salón de Actos do edificio Fernández López
    19:30 horas
Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra