Exposición bibliográfica Xosé Mª Álvarez Blázquez
(1915-1985)

Actualizado 20/05/2008 18:45

museo de pontevedra

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2008, o Museo de Pontevedra inaugura unha exposición bibliográfica na Sala de Investigadores ata o 13 de xuño, que recolle unha mostra das publicacións máis importantes do autor vigués que se custodian na súa biblioteca.

Xosé María Álvarez Blázquez nace en Tui no seo dunha familia acomodada, o 4 de febreiro de 1915. Estuda maxisterio e inicia os estudos de Filosofía e Letras. Porén, iniciada a Guerra Civil, verase obrigado a abandonalos.

Loitador incansable e amante das letras e da cultura, este polígrafo chega a ser membro numerario da Real Academia Galega, delegado local de excavacións arqueolóxicas de Vigo, vogal do Padroado do Museo Municipal de Vigo e socio de honra do Centro Gallego de Barcelona, colaborador do plan nacional de excavacións arqueolóxicas…isto último lévao a descubrir o castro da Guia de Tui, e unha serie de estelas funerarias que se conservan no Museo Municipal Quiñones de León de Vigo.

En 1935 o Seminario de Estudios Gallegos decide publicar unha antoloxía da lírica galega contemporánea, o membro elixido para a súa recopilación é Xosé Filgueira Valverde. Xosé María responde ao “inquérito “- consérvase no arquivo Filgueira Valverde do Museo de Pontevedra- e relata que, escribe o seu primeiro verso aos 10 anos, pero que non é ata que cumple os 15 en que da á prensa algúns soltos e que, máis tarde publica na revista Cristal, que el mesmo cofunda con Xoán Vidal Martínez en Pontevedra en 1932, as composicións en galego, O poeta Merlo, Inmensidade, e o Romance do afiador, cuxo orixinal manuscrito conserva o arquivo Filgueira Valverde, do Museo de Pontevedra.

Amigo e parente de Alexandre Bóveda, é este quien o anima a pronunciar un discurso en 1933, o mesmo ano da súa afiliación ás Mocedades Galeguistas, no acto conmemorativo dedicado á memoria dos Heroes de Carral, que se publica co título de Berro en lembranza dos heroes de Carral.

A contenda do 36, orixinará o seu desterro a Zamora. Pero, en 1942, pide a excedencia como mestre e volve a Vigo onde alterna a súa actividade industrial e cultural. Consegue o recoñecemento como escritor en língua castelá pola súa novela En el pueblo hay caras nuevas, ao ser finalista do premio Nadal en 1945, e anos máis tarde Crecen las aguas, que recibirá o premio de novela Pérez Galdós. A prosa galega, chegará con A pega rabilonga e outras historia de tesouros, narracións para as que emprega en ocasións pseudónimos como Pepe do rollo ou Celso de Baión.

A súa actividade literaria máis destacada é a de poeta, en 1949, o mesmo ano que é nomeado membro correspondente da Real Academia Galega, o autor publica o primeiro dos tres libros que dá á imprenta en vida, Poemas de tí e de mín, na colección pirata pontevedresa Benito Soto. Nel inclúense versos do seu irmán Emilio, nun exemplar con dúas cubertas contrastadas; No ano seguinte aparece o primeiro libro editado pola editorial Monterrey, que funda con Luis Viñas Cortegoso, Roseira do teu mencer, como homenaxe a súa filla Colorín- a colección Filgueria Valverde do Museo, conserva un exemplar adicado a este polígrafo-; e Canle segredo, escrito en 1951, que tivo gran influencia noutros poetas, pero que non saliu do prelo ata 1976 na colección Pico Sacro, a pesar de ter recibido o premio Pondal do Centro Galego de Bos Aires en 1954.

Destacan tamén outros poemas, publicados en folletos ou revistas. De todos, podemos salientar o Romance do pescador peleriño, unha composición publicada de forma independente en 1954, nun raro exemplar, dos que o Museo de Pontevedra, conserva o dedicado a José Filgueira.

Como home con sentido do humor publica o día dos Santos Inocentes de 1953, na editorial que dirixe, unha composición ao modo dos trovadores medievais, El Cancionero de Monfero, indicando o seu achádego casual polo monxe Ramón Pazos en 1671. O propio Rodrigues Lapa estivo convencido da súa creación no medievo, ata que o propio autor desfai o engano.

Nos últimos vinte anos da súa vida, escribe poemas illados, algúns de gran calidad, como pode ser Solpor, do ano 1982.

A súa faceta poética facultao para elaborar a obra monumental publicada en 1952 por Galaxia, Escolma de poesía galega I, e Escolma de poesia galega contemporánea y en 1959, por la misma editorial la Escolma da poesía medieval II, que inclúe as obras dos denominados séculos escuros, é dicir, siglos XIV ao XIX. A editorial Castrelos publica en 1971, unha edición ampliada e revisada da poesía medieval, aparecida en 1952.

Estes son os anos de gran produción literaria, nos que o autor vai recibir premios, o Enrique Docampo Lorenzo polos oito artigos dedicados A mis hijos, aparecidos en El Faro de Vigo en 1962, ou os do Liceo Casino de Rivadavia, do ano 64, polos artigos editados no Diario de Pontevedra sobre esa localidade, o mesmo ano que ingresa como membro numerario na Real Academia Galega e funda co seu irmán a editorial Castrelos, que ten como primeiro empeño, a colección Cadernos de Arte Galego, e pouco despois as coleccións O Moucho e Pombal, que convirten a esta editorial en instrumento da popularización do libro galego, como anos antes fixera Ánxel Casal coa Editorial Nós. El mesmo publica A pega rabilonga e outras historias de tesouros, en 1971, poucos anos antes de vender a editorial Castrelos a Galaxia.

En 1976 é nomeado cronista oficial de Vigo, e é este labor o que o leva a editar La ciudad y los días, crónica local escrita con gran rigurosidade sobre unha cidade á que dedicou traballos en publicacións conxuntas e en publicacións periódicas. O exemplar do Museo está dedicado ao antigo membro fundador Javier Sánchez Cantón.

En 1982, imprime o libro Alexandre Bóveda, apunte biográfico nunha edición que non se distribuíu, e que foi coñecida realmente unha década despois nunhan edición póstuma.

Os seus últimos anos, son os das honras e os premios, que recibe ata 1985, an do seu pasamento. Homenaxes que literatos, músicos…xa realizaran desde había tempo.

Como broche final, poderíamos citar a composición que Rodolfo Haffter fixo en 1969 sobre un poema seu.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra