Novas adquisicións

A colección de acibeches de Carlos Martínez Barbeito no Museo de Pontevedra

Actualizado 28/05/2008 05:45

museo de pontevedra

A colección de acibeches do Museo de Pontevedra, conformada por un número de pezas próximo aos trescentos, acaba de incrementarse cun importante conxunto de obras elaboradas neste material, un total de cincuenta e cinco, procedentes da colección particular de Carlos Martínez Barbeito, recoñecida como unha das más sobresalientes no ámbito privado.

Destacan nela, por número e calidade, o grupo de figas –amuletos en forma de man pechada- un total de trinta e cinco datadas na súa maioría entre os séculos XVII e XIX nas que é interesante resaltar as de maior tamaño –algunhas delas con engarces e cadeas de prata- caracterizadas pola profusión decorativa de carácter simbólico e naturalista, e a presenza, en dúas delas, de imaxes figuradas no cabo: Santo Antón e un Santiago vestido de Peregrino. Xunto ás anteriores tamén son significativas outras de menor tamaño, sen decoración pero con gornicións e apliques en ouro que contribúen a realzar a beleza natural do material.

Completan o conxunto os colares e gargantillas de contas facetadas así como os tramos doutros de maiores proporcións entre os que cabe salientar un exemplar rematado con escudo, de tipo cerimonial ou de gala, utilizado fundamentalmente por monxas ou abadesas. A estes únense os colgantes e medallóns. Entre os primeiros, un de factura moderna -procedente do recoñecido obradoiro dos Mayer, en Santiago- especialmente interesante pola imaxe representada en relevo, o busto dun Santiago Peregrino con chapeu de á ancha con venera e bordón con cabaza. Dous medallóns, ademais dos dous en forma de corazón coa imaxe de Cristo na cruz e un de forma oitavada coa imaxe da Virxe, sobresae o ovalado con orla dentada e relevo con Santiago Matamouros.

O resto da colección componse, xunto a un crucifixo con remates e engarces en ouro, por pezas de menor tamaño e tipoloxía variada –placa con baixorrelevo con rostro de muller, travesa de colar con anxos tallados, rostro de Cristo, colgante en forma de venera e colgante oblongo con decoración de casetóns-.

A incorporación deste valioso conxunto -xa coñecido polos estudosos do acibeche a través da publicación da que foi obxecto en 1971 por parte do seu entón propietario- converte a colección do Museo de Pontevedra, xa de seu recoñecida internacionalmente, nunha das más importantes do mundo, non só desde o punto de vista cualitativo senón e sobre todo por ser a que conta co maior número de pezas reunidas ata a data.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra