Novas adquisicións:
Arturo Souto Feijoo (1902-1964)

Actualizado 14/07/2008 07:31

museo de pontevedra

Arturo Souto Feijoo (Pontevedra, 1902 ? México, D.F., 1964) é un dos grandes artistas galegos do século XX. Pertence á xeración de Maside, Torres, Colmeiro ou Laxeiro, é dicir, á xeración que na década que precedeu á Guerra Civil e en boa medida mercé ó mecenazgo da Deputación de Pontevedra (el foi bolseiro entre 1928 e 1931) contribuiu a modernizar, renovándoas desde a súa esencia, as pautas da plástica galega.

O Museo de Pontevedra, posuidor xa dun importante conxunto de obras da súa autoría (óleos, acuarelas, debuxos e gravados), enriquece a súa colección con cinco obras excepcionais, as cinco realizadas en México e procedentes deste país, no que o artista se asentou en 1942 e no que viviu ata a súa morte en 1964.

Destas cinco obras, tres, as tituladas Composición (Xaponesas), Máscaras e Composición (Obxectos no espacio), foron adquiridas a un coleccionista particular. A cuarta, Porto antigo, foi doada polo seu fillo, Arturo Souto Alabarce. A quinta, Dobre maternidade, é propiedade dun neto do pintor, tamén de nombre Arturo. Chega ó Museo en calidade de depósito. Ten unha significación moi especial: é unha das dúas obras que estaba pintando o artista cando morreu, na madrugada do 3 de xullo de 1964.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra