Preto de 40.000 persoas visitaron as instalacións do Museo de Pontevedra no que vai de ano

Actualizado 19/08/2008 22:57

museo de pontevedra

O Museo de Pontevedra, organismo autónomo dependente da Deputación Provincial, ven de facer público o resume de visitas recibidas ó longo do primeiro semestre do ano 2008.

No seu balance, o centro destaca que visitaron as distintas dependencias do Museo ou acudiron ás actividades programadas un total de 38.064 persoas, das que 19.038 o fixeron colectivamente formando parte dos máis do seiscentos grupos que foron atendidos a través do Gabinete Didáctico, mediante a realización de diversos itinerarios e modalidades de visita segundo as características de cada colectivo.

Dos integrantes das visitas colectivas, 8.618 eran estudantes de ensino non universitario, mentres que as 10.420 persoas restantes formaban parte de grupos de turistas, asociacións de diferentes tipos, centros de maiores, estudantes universitarios, grupos de formación ocupacional ou de ensino non regrado.

No que respecta á súa procedencia, algo máis do 95% dos estudantes residían en Galicia, ó igual que o 43% dos integrantes doutros colectivos e o 27% dos visitantes individuais. Doutras autonomías procedía o 1,5% dos estudantes, o 52% dos demais grupos e o 59% dos individuais. Os visitantes estranxeiros supuxeron o 3% dos estudantes, o 5% dos colectivos non estudantís e o 14 por cento dos individuais, estes procedentes de máis de 44 países, entre os que destacan o Reino Unido, Francia, Portugal, Brasil, Arxentina e Italia.

Dos estudantes non universitarios, o 55% pertencía ó Ensino Primario e o 38% á E.S.O., seguidos a máis distancia polo alumnado de Bacharelato e Ensino Infantil. Algo máis da metade dos estudantes que visitaron o Museo durante o semestre o fixo ó amparo do programa Coñece o Museo de Pontevedra, promovido pola Deputación de Pontevedra, que subvenciona o transporte dos alumnos de centros da provincia de fora da cidade de Pontevedra, coa finalidade de que teñan as mesmas posibilidades que estes últimos.

A cifra de grupos non estudantís da provincia pontevedresa experimentou un considerable aumento con respecto a outros anos como consecuencia do programa Coñece a túa provincia, posto en marcha polo organismo provincial.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra