Concerto de música antiga, dentro do programa do VII Memorial Filgueira Valverde, o xoves día 6 ás 20 horas na igrexa conventual de Santa Clara

Actualizado 05/11/2008 14:48

museo de pontevedra

Como peche do Memorial Filgueira de 2008, dedicado á figura de Alfonso VI, o grupo Resonet actuará no precioso marco da igrexa do convento de Santa Clara.

Resonet fórmase en 1990 en Santiago de Compostela, baixo o impulso de Fernando Reyes, que dirixe o grupo, e Mercedes Hernández, tomando o seu nome dunha peza do Códice Calixtino. O fin de contribuír á reprodución das obras de arte musicais coa maior fidelidade posible, lévaos a empregar instrumentos orixinais ou copias e técnicas vocais axeitadas aos diferentes períodos estéticos, buscando que estas obras afastadas no tempo adquiran significación musical e cultural na actualidade e poidan ser gozadas con toda a súa mensaxe e emoción. Isto lévaos a realizar os seus propios proxectos de investigación. Os concertos conlevan ademais un importante compoñente dramatúrxico.

Os seus compoñentes están especializados na interpretación da música antiga nos máis prestixiosos centros de formación de Europa, e colaboran con moitos outros grupos e directores de toda Europa.

Resonet ten realizado numerosos concertos en España, Francia, Portugal, Suíza, Holanda, Austria e Alemaña, cun repertorio que vai desde a música medieval galega á ópera veneciana do século XVII, pasando pola polifonía renacentista e a música barroca española, dedicando grande atención á música relacionada con Galiza e co Camiño de Santiago, ao que ten dedicados catro CDs: La Grande Chanson con música de peregrinos franceses do século XVII, Les Pellerines con música francesa do século XVII, ¡Santiago!, música e peregrinación a Santiago no Renacemento e Il Pellegrino sobre a viaxe que en 1668 e 1669 realizou por España o príncipe de Florencia Cosme III de Médici.

Cabe destacar as actuacións nos festivais Musica Sacra de Maastricht (Holanda), Festival Internacional de Música de Póvoa de Varzim (Portugal), Festival Internacional de Música e Teatro medieval de Elxe, festival de música antiga Abend Music-Lebensmusik de Innsbruck, Festival de Landshut (Alemania), Festival Via Stellae de Galiza, Festival de Música Relixiosa de Fribourg (Suíza), e no Festival de Música Antiga de Magnano (Italia).

Resonet colaborou ademais con institucións como o Departamento de Educación do Concello de Santiago e o Museo das Peregrinacións de Santiago na realización de proxectos de investigación, concertos, discos, guías didácticas e exposicións.

PROGRAMA DE CONCERTO
A MÚSICA NA VIDA E NA ÉPOCA DE ALFONSO VI

A época
Columnarum trium (conductus ad lectionem) S. XI
O Canto da Sibila:
Judicii Signum. Cat. de Córdoba, s. IX-X, procedente de san Baudelio de Berlanga
Madre de Deus. Cantiga nº 100 códice de Toledo, de Alfonso X
Ad significationem sepulchri. Ludus paschalis. Catedral de Santiago s. XI-XII

O camiño de Santiago
O Beate Jacobe. Ms 9 de Silos, procedente de Celanova. s.X
Resonet nostra. Códice Calixtino. Catedral de Santiago s. XII
Gratulantes. Códice Calixtino. s. XII
Congaudeant Catholici. Códice Calixtino. s.XII

A vida de Alfonso VI
Camiña don Sancho. Romance tradicional
Triste estaba el Rey David. Romance vello
Lamento de Alfonso VI pola morte do seu fillo Sancho
Libera me Domine. Responso gregoriano

Toledo. As cidade das tres culturas
Polo mundo me vou madre. Romance tradicional
Por allí pasó un caballero. Romance trad. sefardita
Ay, Deus. Martín Códax. S. XIII
Por que llorax Blanca Niña. Romance sefardita

Músicas de reis e de raíñas
Te Deum. Himno gregoriano
Sobre los fondos do mar. C. de Santa María nº 193 Cod. El Escorial. Alfonso X
Rosa das Rosas. C. de Santa María nº 10 cod. El Escorial. Alfonso X
Da que Deus Mamou. C. de Santa María nº 77 Cod. El Escorial. Alfonso X
Ave maris stella. Himno gregoriano

RESONET:
Mercedes Hernández. Soprano
Ana Sánchez. Soprano
José Enrique Pedrosa. Barítono
Fernando Reyes. Cítola e laúde
Trinidad de Miguel. Percusións

Estudio de Resonet:
Beatriz Álvarez, Isabel Sanmiguel, Mª Ángeles Casares, Mª Carmen García, Trinidad de Miguel, Chelo Millán, Paulina Ceremuzynska.

Dirección:
Fernando Reyes. cítola e laúde

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra