O acto académico estará dedicado a Daniel de la Sota

O próximo venres o museo recorda os seus patróns, benfeitores, amigos e traballadores falecidos

Actualizado 25/11/2008 10:24

museo de pontevedra

O Museo de Pontevedra, organismo dependente da Deputación, recordará, como todos os anos por estas datas, o próximo venres, día 28 de novembro, aos seus patróns, benfeitores, amigos e traballadores falecidos, que nesta ocasión serán personalizados na figura de Daniel de la Sota Valdecilla, que era presidente da Deputación Provincial que aprobou a creación do Museo o 30 de decembro de 1927 e que sería presidente do primeiro Padroado, do que formaría logo parte dende 1936 ata o seu falecemento, acaecido o 11 de febreiro de 1958.

O acto académico, con entrada libre, comezará ás sete e media da tarde no salón de actos do edificio Fernández López, e as intervencións estarán a cargo de Ramón Villares Paz, presidente do consello da Cultura Galega, José Carlos Valle Pérez, director do Museo, Juan de la Sota, neto do homenaxeado, e Rafael Louzán Abal, presidente da Deputación, que glosarán diversos aspectos de Daniel de la Sota, figura destacada da política provincial dos anos vinte do pasado século, xa que baixo a súa presidencia foron emprendidas pola Deputación, ademais da creación do Museo, importantes empresas económicas e culturais, entre estas a regulamentación das bolsas e axudas aos artistas que comezaban a destacar.

Finalizado o acto, ás oito e media, na igrexa parroquial de San Bartolomeu, oficiarase unha misa, que estará cantada pola Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra