A mostra, que presenta 125 fotografías e catro curtametraxes, permanecerá aberta no Museo de Pontevedra do 29 de xaneiro ao 15 de marzo

A Deputación Provincial e Fundación Telefónica presentan no Museo unha mostra do fotógrafo arxentino Horacio Coppola

Actualizado 27/01/2009 08:39

museo de pontevedra

A Deputación Provincial e Fundación Telefónica presentan no novo edificio do Museo de Pontevedra a meirande retrospectiva realizada ata o de agora en España do recoñecido fotógrafo arxentino Horacio Coppola, que actualmente conta con 102 anos de idade e que é o responsable da primeira ollada moderna na historia da fotografía do seu país.

A exposición está composta por 125 fotografías tomadas polo artista entre os anos vinte e corenta do século pasado e catro curtametraxes.

A mostra revela a vocación moderna de Horacio Coppola, que dende un primeiro momento fixo da fotografía unha linguaxe artística autónoma desenvolvida a través da xeometría, a abstracción e as arquitecturas urbanas.

Dentro da exposición resalta a súa emblemática serie «Buenos Aires», encargada a Coppola en 1936 polo goberno municipal da capital Arxentina para conmemorar os 400 anos da fundación da cidade, na que o artista percorre, rexistra e retrata a paisaxe urbana cunha ollada abraiada e cotiá. Coppola amósanos un Bos Aires europeizante e cosmopolita, no que a gran personaxe é a propia cidade, cos seus habitantes, as súas luces pola noite, as grandes tendas, rúas e lugares moi recoñecibles para o observador. Cada unha das imaxes é unha obra de arte en si mesma.

Outra das grandes iniciativas das conmemoracións do 400 aniversario da cidade de Bos Aires foi a construción do Obelisco e o ensanche da rúa Corrientes. Absolutamente fascinado polo ritmo de transformación da cidade, realiza unha obra mestra de carácter construtivo: a película Así nació el Obelisco.

Así mesmo, tamén se inclúen algúns traballos da súa viaxe a Europa, realizados na primeira década dos anos trinta, entre eles a súa homenaxe ao cubismo en sintonía coas vangardas artísticas internacionais. O seu paso pola Bauhaus de Berlín nunha época inmersa en plena expansión vangardista, resulta decisivo na súa vida: en Alemaña realiza o filme Traum. Do mesmo xeito, en Francia documenta e filma Un dique del Sena e en Londres produce o seu primeiro documental A Sunday in Hampstead Heath.

Infatigable observador do mundo, Coppola pode ser descrito coas palabras coas que el mesmo definiu o seu labor: «dende a miña fiestra -vendo con ansia e marabilla- miro o real alumeado: atopo -dende un punto de vista dado- unha imaxe, por así dicilo, do meu mundo propio. Cando dos infinitos puntos de vista posibles dende a miña fiestra escollo ese que é para min o máis esencial e revelador do real presente, a miña imaxe é unha imagema. Agora, coa cámara fotográfica, aprópiome desa imaxe. Son fotógrafo».

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra