Tempo de entroido

O loro Ravachol

O loro Ravachol

Actualizado 23/02/2009 08:54

museo de pontevedra

Perfecto Feijoo Poncet naceu en Pontevedra, nunha casa da rúa Real, facendo esquina con Isabel II, o 25 de agosto de 1858, e faleceu na mesma cidade o 10 de xuño de 1935. Logo de alcanzar a licenciatura en Farmacia na Universidade de Santiago e dunha estancia de varios anos en Madrid, regresa en 1880 á súa cidade natal, onde compra a botica situada na praza da Peregrina, na confluencia coa rúa da Oliva.

Amante de todo o galego, e en especial da música tradicional, cun grupo de amigos funda en 1883 o primeiro coro de Galicia, con voces e instrumentos, desde a gaita ao pandeiro, con cornas, triángulos e pandeiretas, que, xunto con documentos e fotografías, se custodian no Museo de Pontevedra. Da agrupación coral, que ofreceu recitais fóra de Galicia (Madrid, Bos Aires?), e cuxa historia foi recollida nun libro por José Luís Cale, formaron parte coñecidos personaxes da vida pontevedresa, como Víctor Said Armesto, Carlos Gastañaduy, Víctor Cervera Mercadillo ou Leoncio Feijoo, na súa etapa inicial, e, xa no século XX, Enrique Campo Sobrino, Francisco Portela Pérez ou Alfonso Rodríguez Castelao.

Home afable e de fácil conversación, atraeu á súa farmacia, ademais dos clientes habituais en busca de medicinas e apócemas, a numerosos persoeiros do mundo da política, das letras e das artes, que na rebotica ou no banco de pedra exterior se reunían en animado faladoiro, que rivalizaba co outro próximo de Casto Sampedro e Folgar ou co de Jesús Muruais na Casa do Arco, faladoiros que abundaron en Pontevedra e que foron glosados por Prudencio Landín Tobío nun opúsculo en De mi viejo carnet.

Parece ser que en 1891 chegou ás mans de Perfecto Feijoo un loro noviño, talvez procedente do Rexemento de Infantería, con base en Guillarei (Tui), de cuxa banda de música era director Martín Fayes, amigo e profesor do farmacéutico. José Filgueira Valverde, nun dos seus eruditos "Adral", apunta con ironía que o loro da botica ben podería ser descendente dos papagaios que viñan na flota franco-española procedente de América e que en 1702 foi afundida pola anglo-holandesa no estreito de Rande, salvándose as aves, que se expandiron por diversas zonas próximas, sendo acollido un deles en Pontevedra e exposto nunha gaiola na Praza da Vila, xunto á Casa do Concello, que falaba en lingua vernácula, xa que, como escribiu Frei Martín Sarmiento, "como estaba na Praza, onde hai infinidade de mulleres galegas voceando en idioma galego, non sabía o papagaio máis lingua que a galega". Non sería, con todo, o loro de Feijoo o único que había en Pontevedra, xa que Enrique Fernández-Villamil di que podía ser parente do que habitaba na casa de Dona Chanita, na estrada de Marín, do dos Muruáis ou do dos Bicada. Pero si chegou a ser o máis coñecido e o máis famoso.

Asentado o loro na botica pontevedresa, tardou unha tempada en adaptarse ao seu novo emprazamento, permanecendo case mudo, sen facer alarde da súa facilidade para a conversación e para a incorporación ao seu vulgar vocabulario cuarteleiro de palabras e frases que escoitaba ao seu dono e aos visitantes da farmacia. Pero pronto exteriorizou o seu carácter de alborotador e de irreverente que levaba dentro. Por iso é polo que Perfecto Feijoo o bautizou co nome de "Ravachol", identificándoo así co anarquista, revolucionario e terrorista francés François Claudius Koeningstein, o feroz dinamiteiro coñecido polo alcume de François Ravachol, detido a finais de marzo de 1892 e executado na guillotina o 11 de xullo do mesmo ano.

Coñecidas e famosas son as frases que Ravachol adoitaba pronunciar, recollidas moitas delas por Prudencio Landín, Enrique Fernández-Villamil e José Luís Calle. A máis frecuente era "Se collo a vara", en alusión á que lle mostrou o seu amo ameazándoo con darlle de paus, recriminando así o seu mal comportamento verbal. Con esta e con "Bárbaro" formou unha oración que pronunciou durante un sermón misioneiro que dous relixiosos ofrecían no atrio da Peregrina, facendo saír de entre o público, perfectamente audible, o berro "Bárbaro, se collo a vara", que produciu indignación no sacerdote e entre o público, para, unha vez recoñecido, cantar cando correspondía e facer as pregarias coma os demais asistentes.

Ravachol pronto se fixo popular e querido polos visitantes da farmacia, que o obsequiaban con algún caramelo ou galdrumada, pero que se non o facían recibían, con aire cominatorio, a frase "Vaite de aí, lambón" ou a xa citada de "Se collo a vara".

Cando Perfecto Feijoo o deixaba só na botica para permanecer na trastenda ou na súa vivenda, o loro non tardaba en avisalo de que tiña clientes: "Don Perfeuto, xente na tenda" ou "Don Perfeuto, parroquia". Ás veces xogaba a adiviño, ofrecendo xa por anticipado a mercadoría que pensaba ía adquirir o cliente, como "Un patacón de manesia", ou advertíndoos de que "Aquí non se fía". Se o visitante era un sacerdote, podía manifestar a súa aversión ao clero emitindo o son "cua, cua, cua" propio dos corvos. A mesma escritora Emilia Pardo Bazán foi obxecto dos improperios de Ravachol logo de ameazalo polas frases groseiras con que a recibiu, acabando o loro por deixar saír do seu pico a palabra "puta".

Outros personaxes famosos recibiron os insultos de Ravachol, como Eugenio Montero Ríos, polo que sentía verdadeira antipatía, a quen quixo expulsar da farmacia dicíndolle "Vaite de aquí, larpeiro". Refire Fernández-Villamil unha visita realizada á súa finca de Lourizán por Ferfecto Feijoo e o loro, con ocasión dunha reunión de ilustres políticos, aos que chamou "Ladróns, ladróns", poñendo ademais de relevo a súa "incompatibilidade de carácteres e de léxico cos visitantes de Don Eugenio". Ou Emilio Castelar, a quen insultaba dicíndolle "Demo das barbas".

Estando un día aburrido na súa gaiola colgada dun poste telegráfico fronte á farmacia, quíxolle gastar unha broma ao seu dono, que se atopaba na súa vivenda, chamándolle: "Don Perfeuto, a despachar". Ao baixar o boticario á tenda e non atopar ningún cliente, recibe de Ravachol a retranqueira e contundente frase: "Te engañé".

Polas súas habilidades para o diálogo foi Ravachol seleccionado para formar parte do elenco de actores que o 1 de marzo de 1900 representaron no Teatro o "despropósito bufo, lírico, fantástico y carnavalesco, sin pies ni cabeza, en prosa y verso" titulado Pontevedra en 1900, da autoría de Enrique Labarta Posse, con música de Isidro Puga, que se inclúe no folleto sobre o Entroido do devandito ano que se conserva na colección Casal do Museo de Pontevedra, con outros moitos impresos sobre tal celebración desde 1860 ata 1912, data do falecemento deste médico pontevedrés.

Ravachol tiña un papel curto e debía actuar na quinta escena do cadro primeiro do segundo acto, escena que se situaba na praza de a Peregrina, á que accede un home en estado de embriaguez, a quen o loro, en presenza dos personaxes do Entroido de 1600 e do de 1900, debía chamar borracho en varias ocasións, ameazalo con "Cala porco" ou "Se collo a vara" e insultar con "Bárbaro" ou "Cotorrita Real". Na representación fixo gala da súa indisciplina e, saíndose do papel fixado, pasou a pronunciar ao seu antollo as frases e palabras do seu vocabulario, sen orde nin concerto, polo que foi retirado da escena.

A prensa pontevedresa do 27 de xaneiro de 1913 (en especial El Diario de Pontevedra e La Correspondencia Gallega, custodiados no Museo) faise eco do falecemento o día anterior do loro Ravachol. Nas respectivas crónicas dáse conta da "tremenda y desconsoladora noticia", cuxa causa foi unha enfermidade descoñecida, e sobre el dise que era "espanto de princesas y pescadoras", que "todos le admiraban y reían" e que "en Galicia tenía justa nombradía". Outros comentarios xocosos apuntaban a un empacho motivado pola gran cantidade de biscoitos mollados en viño que tomara e ata a un envelenamento por parte de alguén que se sentira molesta vítima dos seus insultos. Fora cal fora a causa, as apócemas da botica que lle foron fornecidas resultaron inútiles para mantelo con vida.

A morte de tan ilustre personaxe provoca na sociedade pontevedresa unha profunda sensación de pesar que, unida á ledicia propia do tempo carnavalesco, vivido na cidade sen actos de relevancia, induce a honralo tal como se merecía, organizando un prolongado velorio, os primeiros días na botica e logo no local da Sociedade Recreo de Artesanos, e un enterro ao grande.

O seu cadáver foi embalsamado por Francisco Moya antes de ser colocado sobre unha mesa cuberta de flores na farmacia, onde Perfecto Feijoo recibe innumerables mostras de agarimo e de sentimento polo deceso, tanto en persoa como a través de cartas e telegramas, chegadas desde distintas localidades de Galicia e do resto de España. O presidente do Recreo de Artesanos, Isidro Buceta, fai chegar unha misiva ao desconsolado farmacéutico emprazándoo a unha reunión na súa sociedade para preparar o "solemne sepelio del malogrado Ravachol".

A Sociedade de Artesanos faise cargo do corpo o domingo de Carnaval, 2 de febreiro, e instala a capela ardente no seu local, con Ravachol dentro dunha urna sobre un catafalco, rodeado de catro cirios. Ata o día do enterro, previsto para o día 5, Mércores de Cinza, desfilaron pola sala mortuoria infinidade de persoas, incluídas autoridades civís e militares.

Os "albaceas testamentarios" publican un bando, datado o mesmo día 5, no que ordenan, entre outras cousas, a concorrencia ao solemne enterro, disfrazado cada un ao seu xeito "e llevando en vuestras pecadoras manos un farol lo más funerario posible". A comitiva fúnebre partiu ás sete da tarde desde o local de Artesanos, na praza da Constitución ou Ferrería, desfilando polas rúas Comercio, ou Soportais, Fernández Villaverde, Michelena, Oliva e Riestra, para finalizar nos xardíns de Eduardo Vincenti, onde se localizaba o Circo Teatro, sendo presenciado o seu paso por miles de persoas.

Fronte á que fora durante vinte e dous anos morada de Ravachol, practícase unha parada co fin de que os compoñentes do coro Aires da Terra e do orfeón da Sociedade Artística entoasen un De profundis de despedida.

Segundo as crónicas xornalísticas, formaban a cabalgata doce xinetas con farois acesos, bandas de cornetas, a comparsa Los Espías, as carrozas do Liceo Casino e do Recreo de Artesanos, a dos membros do faladoiro da botica, a banda de música municipal e numerosas máscaras, disolvéndose á entrada das Palmeiras.

No Circo-Teatro celebrouse unha "velada infausta", preparada "en honor del fenecido Ravachol". No programa impreso, custodiado no Museo, aparecen salientadas as seguintes intervencións: interpretación dun Introito, pola Banda Municipal; latomanía biográfica cos excesos conseguintes, por un entusiasta admirador do ilustre morto; canzzonetta coreada, polo Signore Victorio, italianización de Víctor Cervera Mercadillo, o mesmo que o era para Antonio Branco Porto o de Signorina Biancha della Porta, que recitou unha herexía lírica; discurso tétrico necrolóxico, por un Xefe de Estación, que resultou ser José Fernández Tafall; varias pezas, cantadas polo barítono Alejandro Torres, para finalizar coa "gran marcha macabra triunfal, coreográfica y apoteosis". Os prezos para asistir á velada eran de catro pesetas para seis entradas de palco, setenta e cinco céntimos a cadeira e corenta céntimos xeral.

Concluída a velada, o corpo do defunto Ravachol é trasladado en coche ata a finca O Padronelo que Perfecto Feijoo posuía en Mourente para proceder ao seu enterro. Alí sería recordado en anos sucesivos polos seus parentes e amigos, como o demostra unha fotografía do Museo, na que aparecen Alejandro Mon e Landa, Víctor Cervera Mercadillo e o propio boticario rezando de xeonllos sobre o lugar en que fora sepultado.

Tal foi a vida coñecida, desde a súa chegada a Pontevedra, do loro Ravachol, que en 1985 é incorporado ao Entroido pontevedrés como un dos seus símbolos, con cuxo velorio e enterro se pon fin a unha semana de festa.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra