Inauguración da exposición Baiona no tempo

Actualizado 06/03/2009 08:58

museo de pontevedra

Dentro das actividades celebradas co gallo da Festa da Arribada, terá lugar na Capitanía Marítima de Baiona, do 6 ao 31 de marzo esta mostra fotográfica que ten como intención recuperar para as xentes de Baiona a memoria da súa vila, ofrecer o seu antigo rostro a cantos hoxe viven nela e transmitir esa atmosfera entrañable dun pasado que non debemos esquecer.

As imaxes que se mostran nesta exposición proceden na súa totalidade da magnífica colección de tarxetas postais que forma parte do Arquivo Gráfico que posúe o Museo de Pontevedra. Son unha pequena parte dos fondos gráficos que, sobre a nosa provincia, posúe esta Institución á que chegaron, na súa maioría, formando parte de doazóns de particulares ou ben como froito do labor recompilatorio de personaxes vinculados ao museo ou á súa predecesora a Sociedade Arqueolóxica, como o médico José Casal.

Este conxunto gráfico posúe un extraordinario valor documental ao mostrarnos un patrimonio histórico singular da vila de Baiona nas primeiras décadas do século XX. Permítenos apreciar con facilidade desde as súas principais características topográficas, arquitectónicas e urbanísticas ata afondar en aspectos sociolóxicos como as modas no vestir, os baños de mar, os costumes relixiosos, lúdicos e festivos como a danza dos mariñeiros ou os feitos máis diversos da vida cotiá como a venda de produtos nos mercados.

A comezos do século XX Baiona vai recibir un trato privilexiado por parte dos fotógrafos, posto que comeza a converterse nun referente turístico importante e a súa imaxe aparecerá nas grandes series de tarxetas postais de impresores e editores foráneos como Hauser e Menet, Grafos ou Thomas, aos que pronto haberá que unir as iniciativas de editores locais como Amalio Couto Pacheco ou Edicións Varela.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra