Presentación do libro La vida escénica en Pontevedra: 1901-1924, de Paulino Aparicio Moreno

Actualizado 09/03/2009 08:36

museo de pontevedra

O 12 de marzo presentarase o libro La vida escénica en Pontevedra: 1901-1924, editado pola Fundación Universitaria Española, tese de doutoramento realizada por Paulino Aparicio Moreno, que foi defendida no curso 1999-2000. Trátase dun excelente traballo de investigación, realizado con minuciosidade, a partir dun percorrido exhaustivo a través de fontes documentais inéditas do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, o Concello da mesma cidade, o Arquivo Documental do Museo de Pontevedra, e sobre todo, dos xornais da época.

A finalidade desta investigación non é outra que dar a coñecer, de xeito rigorosa, unha faceta importante do ambiente cultural da cidade, como é a vida teatral, entre 1901 e 1924.

Paulino reconstrúe ó detalle a historia dos teatros de Pontevedra, fai a relación e clasificación xenérica de máis de mil obras representadas ao longo do primeiro cuarto do século XX e dos seus autores; aborda o feito teatral desde o punto de vista da representación: compañías profesionais e de afeccionados, a recepción crítica das mesmas e das obras, e outros elementos da socioloxía da representación como a censura, a temporalidade, as representacións benéficas, os prezos, os distintos tipos de público? etc. Realiza, en fin, unha tarefa de investigación digna de loanza pola súa envergadura e sobre todo polos seus achados que nos descobren unha parte importante da vida social, lúdica e cultural de Pontevedra, en definitiva da historia viva que supón o teatro representado en toda sociedade.

O acto de presentación terá lugar no salón de actos do edificio Fernández López, ás oito do serán.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra