Concerto de piano a catro mans do Dúo Alberto González Calderón - Arnold W. Collado

Actualizado 16/03/2009 11:16

museo de pontevedra

O martes 17 de marzo, ás 20 horas no salón de actos do edificio Fernández López do Museo terá lugar o concerto de piano do dúo Alberto González Calderón - Arnold W. Collado.

Recuperando a práctica pasada, achegan a música sinfónica e orquestral ao heteroxéneo público do S. XXI, sen esquecer que eran obras interpretadas en pequenas salas perante os amantes e afeccionados á música que se reunían arredor dun piano para estudar, coñecer e gozar da música que naquel momento se ía creando e que chegaban a descubrir case no momento da súa publicación por parte dos compositores e as súas editoriais.

A sinfonía nº. 9 en Mi menor Op. 95 (1893), tamén chamada Sinfonía "Novo Mundo", é posiblemente a obra máis coñecida do compositor checo, Antonin Leopold Dvorak. A época que pasou nos Estados Unidos deixoulle gravados recordos que máis tarde plasmaría na derradeira das súas xeniais sinfonías, reflexo da súas mestría na composición e no manexo da orquestra, combinándoas cos aires e cores musicais populares eslavos que nos trasladan a esas fermosas terras.

A Suite Española, de Isaac Albéniz, se cadra a súa obra máis popular e interpretada, ofrécese por vez primeira nunha transcrición a catro mans, realizada polo propio dúo. É a súa mellor homenaxe, ao se conmemorar o centenario do seu falecemento en 1909, con este amplo conxunto de ritmos e melodías que percorren outras tantas cidades e rexións.

Como dato biográfico do conxunto, engadiremos que dende o inicio da súa actividade concertística no 2002, ofreceron numerosas actuacións, entre as que destaca a serie de concertos para a Federación de JJMM de Andalucía e o Circuíto Andaluz de Música. Participaron así mesmo en diversos festivais internacionais e nas actividades culturais programadas por distintos Concellos, Entidades Financeiras, Sociedades Filharmónicas, Xuventudes Musicais, Amigos da Música, Deputacións Provinciais e Universidades de case toda España.

PROGRAMA PIANO A CATRO MANS

  • SINFONÍA Nº 9, Op. 95 "Novo Mundo"
    A. DVORÁK (1841-1904)
    - Adagio - Allegro molto
    - Largo Scherzo. Molto vivace
    - Allegro con fuoco
     
  • SUITE ESPAÑOLA (arr. Collado - Calderón)
    I. ALBÉNIZ (1860-1909)
    - Granada (Serenata)
    - Cataluña (Corranda)
    - Sevilla (Sevillanas)
    - Cádiz (Saeta)
    - Asturias (Leyenda)
    - Aragón (Fantasía)
    - Cuba (Capricho)
    - Castilla (Seguidillas)
Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra