O xoves 7 de maio celebraranse dous concertos do ciclo Espazos Sonoros no sexto edificio

Abe Rábade Trío e Moscow Art Trío

Actualizado 04/05/2009 06:47

museo de pontevedra

As actuacións, que comezarán ás 20 e 21 horas do serán, correrán a cargo do Abe Rábade Trio e o Moscow Art Trio respectivamente.

Abe Rábade Trío está composto por Abe Rábade (piano e composición), Nelson Cascais (contrabaixo), Bruno Pedroso (batería).

A banda fórmase en 1996. En 2000 recibe o segundo premio no Concurso Internacional de Grupos de Jazz de Getxo (País Vasco). O directo desa noite conforma o debut discográfico do trío: Babel de sons (2001) (Paco Charlín, contrabaixo, e, Ramón Ángel Rey, batería).

Abe Rábade foi galardoado en 2001 co Premio Tete Montoliú ao Pianista Revelación en España, concedido pola SGAE. En 2002 o grupo lanza o seu segundo traballo discográfico, Simetrías (Paco Charlín, contrabaixo, e, Ramón Ángel Rey, batería). No 2006, ve a luz o seu disco máis recente, Playing on light (Paco Charlín, contrabaixo, e, Bruno Pedroso, batería).

O repertorio da formación é maioritariamente orixinal e abarca os máis diversos estilos jazzísticos.

O Moscow Art Trío é unha das formacións novas de jazz máis apaixonantes. Nela, as fronteiras entre o jazz, o folk e a música clásica deixan de ser importantes. Mike Zwerin escribiu no International Herald Tribune: "Poucas veces os límites entre épocas, a música folk de Oriente e Occidente, e a música clásica e o jazz se trataron con tanta beleza como o fixo o Moscow Art Trio". "As personalidades dos membros do trío son máis importantes ca os instrumentos que tocan."

Os seus compoñentes son Mikhail Alperin, piano e voz, Arkady Shilkloper, trompa, fiscorno, voz e Sergey Starostin, voz, clarinete e folkreeds

Mikhail Alperin é compositor, líder do trío e pianista. Vive en Oslo desde 1993 e converteuse na figura central no tocante á nova música nórdica improvisada. O trompista Arkady Shilkloper foi membro da Orquestra Filharmónica de Moscova e traballou coa orquestra do Teatro Bolshoi. A súa habilidade única para combinar as diferentes linguaxes musicais faino famoso en todas partes. O cantante de folk Sergey Starostin sempre mostrou un enorme interese polos contos tradicionais e pola música tradicional, aínda cando estaba a estudar música clásica. Sempre que viaxaba pola Unión Soviética recollía historias, cancións e instrumentos tradicionais. En Moscow Art Trio toca os folkreeds e o clarinete. Tamén escribe a maioría das letras.

A primeira actuación do trío foi o 5 de xuño de 1990 en Moscova. Desde entón, Moscow Art Trio leva actuando por todo o mundo. Produciron moitos CD e colaboraron con artistas como Bulgarian Voices Angelite e Huun-Huur-Tu de Tuva.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra