Seminario Víctor Said Armesto no Museo

Actualizado 29/05/2009 09:59

museo de pontevedra

O Museo de Pontevedra organizou o Seminario Víctor Said Armesto, que se desenvolverá a partir do luns, día un de xuño, ás oito da tarde, no salón de actos do edificio Fernández López, co que se pretende ponderar a súa egrexia figura, tratando de devolvela ao lugar de excelencia que ocupou no seu tempo e que nunca debeu perder, e que é continuación do consagrado hai un ano ao seu mestre e amigo Casto Sampedro, figura esencial tamén na recuperación da tradición musical de Galicia.

Víctor Said Armesto (Pontevedra, 1871 - Madrid, 1914) foi un dos intelectuais máis brillantes da súa xeración. Primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galaico-Portuguesa da Universidade española, participou moi activamente no proceso que levaría á fundación da Academia Galega. Escritor e investigador reputado, con obras de referencia inescusable aínda hoxe, frecuentou os faladoiros que tanto proliferaron en Pontevedra no tránsito do século XIX ao XX.

Víctor Said Armesto colaborou tamén dun xeito decidido e decisivo na recollida dos materiais (romances sobre todo) que acabaron conformando o afamado Cancioneiro musical de Galicia, colección presentada por el e Casto Sampedro ao Concurso promovido en 1909 pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, cuxo premio recibiron en 1910.

A ponderar a súa egrexia figura, tratando de devolvela ao lugar de excelencia que ocupou no seu tempo e que nunca debeu perder, está dedicado este Seminario, continuación do consagrado hai xustamente un ano ao seu mestre e amigo Casto Sampedro, figura esencial tamén, como é ben sabido, na recuperación da tradición musical de Galicia.

PROGRAMA

  • Día 1
    Víctor Said Armesto: un intelectual europeo do novecentos
    JOSÉ GARCÍA-VELASCO, CSIC - Madrid
  • Día 2
    "La flor del Agua" (1914), zarzuela de Víctor Said Armesto e Conrado del Campo, ou como o romance se transformou en drama
    CARLOS VILLANUEVA, Universidade de Santiago de Compostela
  • Día 3
    Romanceiro asturiano, un prólogo musical inacabado... e algunhas notas sobre as colaboracións con Galicia
    SUSANA ASENSIO, CSIC - Madrid

Como colofón ao seminario, o xoves, día 4, a Aula de Canto do Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra ofrecerá no mesmo salón de actos o concerto Cantigas de aquí e acolá. (Concerto de canción galega para voz e piano) no que serán interpretadas composicións de José Castro Chané, Lens Viera, García Abril, Baldomir, Enrique Saavedra castro, Rogelio Groba, Juan Montes e Andrés Gaos.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra