Presentación do libro Xogos populares en Pontevedra, de José Casal y Lois

Actualizado 17/06/2009 14:00

museo de pontevedra

O próximo día 24, mércores, ás oito da tarde e con entrada libre, no salón de actos do novo edificio do Museo de Pontevedra, será presentado o libro Xogos populares en Pontevedra, da autoría de José Casal e Lois, con estudo introdutorio, transcrición e notas de José Fuentes Alende, coeditado polo Museo e o Consello da Cultura Galega.

Entre os fondos reunidos polo médico pontevedrés José Casal (1845-1912), cofundador e membro da Sociedad Arqueológica de Pontevedra e protector do patrimonio artístico e cultural de Pontevedra, figura o orixinal titulado Costumbres populares. Apuntes acerca de juegos, diversiones, pasatiempos, entretenimientos y juguetes de mujeres y hombres, juveniles y de muchachos, integrado por 171 cuartillas escritas por ambas as dúas caras, no que, entre 1909 e 1911, recolle preto de 150 xogos e diversións practicados na cidade de Pontevedra.

Con esta obra José Casal eríxese como pioneiro na recompilación de xogos e diversións en Galicia, como o había sido a comezos da década dos oitenta do século XIX na de cantigas populares, pois con anterioridade só contamos coas achegas do P. Sarmiento e de Pérez Ballesteros, sendo así precursor dos homes da Xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos, que os recollerán con posterioridade de xeito illado ou atendendo á temática, como son os casos de Fermín Bouza Brey, Xurxo Lourenzo, Ramón Martínez López, Xosé Ramón e Fernández Oxea, Antonio Fraguas, Xaquín Lorenzo, Vicente Risco e Jesús Rodríguez, ou José Filgueira Valverde no que respecta á festa dos Mayos, antes de que a recollida e o estudo se fixese sistemático a finais do século XX, cos traballos de Arturo Romaní, de Maruxa Barrio e Enrique Harguindey, de Pérez y Verdes e Tabernero Balsa, de Camilo Brandín, de Xesús R. Jares, de Jesús Delso Sanz e o seu equipo, de Palmira González Boullosa, de Xosé Manuel Broz, de Felipe Senén López Gómez, de López Picallo, de Paco Veiga, de Antón Cortizas e de Xosé López González e Xosé Manuel García.

José Casal recolleu na cidade de Pontevedra os xogos e diversións directamente dos nenos e nenas e dos homes e mulleres que os practicaban, describindo minuciosamente tanto a confección dos xoguetes como o desenvolvemento dos xogos, que distribúe nos seguintes apartados: "Pasatempos e entretementos", entre os que inclúe os que necesitan elementos físicos xunto a outras diversións sinxelas, así como os Mayos ou algúns de Carnaval, "De mulleres", "Mixtos", "Con peletres", "Con moedas ou pesos", "Con mesa, Con pelota ou gorra", "De salto", "De esconderse, "Coa baralla" e outros "De Entroido".

José Fuentes Alende realizou, ademais da transcrición do orixinal, un detido estudo introdutorio, no que analiza a figura de José Casal e a súa obra, así como os estudos sobre o tema en Galicia, recollendo en notas os nomes e as referencias dos distintos xogos citados polos diversos estudosos, e elaborou uns índices que permiten localizar tanto no texto coma nas notas cada un deles.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra