Noites de música nas Ruínas de San Domingos

Actualizado 16/07/2009 13:32

museo de pontevedra

O sábado18 de xullo celebrarase o segundo concerto deste ciclo, ás dez da noite nas Ruínas de San Domingos a cargo do Cuarteto Caramuxo

O Cuarteto Caramuxo nace pola necesidade dos seus compoñentes de rachar coas ataduras impostas nos seus anos de aprendizaxe académica no conservatorio. Este feito lévaos cara un repertorio de carácter popular co que gozan plenamente, dándolle ós seus concertos un aire festivo que contaxia ó público e que se ve acentuado por unha coidada posta en escena que tende mais cara un espectáculo teatral que a un concerto ó xeito tradicional. Esta teatralidade vese reforzada nos últimos anos grazas á colaboración co actor Avelino González no espectáculo Vento Mareiro, co que recibiron no 2006 o premio de teatro María Casares á Mellor Música Orixinal.

Co paso do tempo o repertorio do cuarteto vira claramente cara a reinterpretación da música tradicional galega, tomando por base do seu repertorio ás melodías recollidas nos cancioneiros populares galegos (nomeadamente Casto Sampedro e Bal e Gay) e algunhas composicións de autores contemporáneos de Galicia (Nacho Muñoz, Antón L. Pulido, Jesús González ou Ernesto Campos) feitas expresamente para o grupo. A pesares deste feito, Caramuxo non renuncia á interpretacións de outras melodías, xa foran de outras culturas, do jazz ou da música pop, sempre adaptabas ó seu discurso musical.

As claves da singularidade do Cuarteto Caramuxo residen en dous feitos fundamentais: a instrumentación e os arranxos. Catro intérpretes de clarinete (abarcando toda a familia do instrumento), unha percusionista tradicional e un acordeonista, todos cunha variada formación académica que vai dende a música antiga a contemporánea pasando pola música tradicional, a pedagoxía ou a musicoterapia. A mestura de todos estes elementos nuns arranxos colectivos onde cada un aporta a súa propia personalidade e bagaxe musical dan como resultado unha música fresca e orixinal que non persigue estilos nin referentes musicais alleos.

A filosofía dos Caramuxos resúmese na interpretación da música sen complexos, sen présa e sen maior pretensión que a de gozar coa música.

O Cuarteto Caramuxo ven de ser nomeado gañador do Concurso Folk Cancioneiros da Fundación Barrié, celebrado no pasado mes de Marzo de 2008, pola súa orixinalidade e posta en escena na reinterpretación dos cancioneiros populares galegos.

Os compoñentes do Cuarteto Caramuxo son:

  • Alonso Caxade, Acordeón
  • Felipe Agell, Clarinete
  • Fernando Abreu, Clatinete baixo e Requinto
  • Oscar Prieto, Clarinete e Clarinete baixo
  • Patricia Cela, Percusión
  • Xoán Carlos Vázquez, Clarinete


PROGRAMA DO CONCERTO

  • Pasacorredoiras de Sárdoma
  • Muñeira e Ribeirana
  • Vals do Jicho
  • Golpe de Ribadavia
  • O Demo
  • Ti-ru-ri-ru
  • Michuca
  • Invernía
  • Canto de Segada
  • Muñeira do Sapataso
  • Xotis Romanés
  • Entre Vigo e Pontevedra
Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra