Cantigas de Santa María

Actualizado 07/09/2009 11:27

museo de pontevedra

Como contribución á decoración ambiental con motivo da décima edición da Feira Franca, o Museo colgou dos seus balcóns catro reproducións das miniaturas que ilustran o códice T.I.1, coñecido como “códice rico”, das Cantigas de Santa María, do rei AfonsoX O Sabio, códice que se custodia en El Escorial.

Afonso X fixo a primeira recompilación de cen “Cantigas” en 1275, chegando a realizar 423 composicións ata a súa morte en 1284.

O “códice rico” de El Escorial reúne 193 “Cantigas” e denomínase así por ser o que posúe o maior número de ilustracións miniadas, de maneira que cada “Cantiga”, ademais da música anotada na primeira estrofa, se complementa graficamente coa representación dos feitos narrados. Foi transcrito, entre outros, por Xosé Filgueira Valverde, especialista en literatura medieval, cun extenso estudo introdutorio e con comentarios a cada unha das “Cantigas”, e editado en facsímil por EDILÁN en 1979.

Do balcón do edificio “Castro Monteagudo” pendurou a reproducción da ilustración que figura na cabeceira da cantiga A, ou prólogo, na que Afonso X, despois de enumerar os seus títulos, expón a súa idea de honrar a Santa María con esas composicións, tanto de loor como de milagres obrados pola súa intercesión. Pode verse a Afonso X no centro, ditando a letra e a música a dous clérigos, que, sentados, copian en pergamiños. Á esquerda, tres xograres músicos, dous con vihuelas ou fídulas e o terceiro cunha guitarra latina, instrumentos típicos medievais. Á dereita, catro clérigos prepáranse para cantar.

No do “Fernández López” aparecía a ilustración da “Cantiga” 186, na que se pode ver a primeira representación de hórreos galegos, con case todos os elementos, o que levou a algún investigador a pensar que talvez o ilustrador fose de orixe galega, aínda que o tema da cantiga se sitúe en Xerusalén. As miniaturas representan os monxes dun mosteiro que, nunha época de escaseza, piden axuda á Virxe, e que logo atopan os seus hórreos cheos de trigo. (Hai que ter en conta que o millo non chega a España desde América ata comezos do século XVI). Unha nova época de escaseza obriga ós monxes a pedir outra vez axuda á Virxe, que os socorre con gran cantidade de ouro que aparece sobre o altar.

A primeira do “García Flórez” era a que ilustra a “Cantiga” 103, cuxo tema enlaza con San Ero de Armenteira, adornado por unha lenda similar. Narra como un monxe estivo durmido durante trescentos anos escoitando o canto dun paxariño, descubrindo así o Paraíso. A ilustración mostra o monxe pedindo a Santa María que lle amose o Paraíso; logo, o monxe nunha frondosa horta cunha fonte; o monxe durmido escoitando o rechouchío do paxaro no cume da árbore; o monxe de volta ó convento, que atopa moi variado e cunha nova fachada; os demais monxes que non o coñecen e el cóntalles o que lle sucedera, e todos dando grazas ante a imaxe. A “Cantiga” 103 foi o tema sobre o que Filgueira Valverde realizou a súa tese de doutoramento.

A segunda do “García Flórez” corresponde á “Cantiga” número 19 e mostra algunhas das armas utilizadas e das armaduras dos cabalos, representando os tres cabaleiros perseguindo a un enemigo que se encerra nunha igrexa, pero mátano ante o altar da Virxe; como castigo de Santa María cáelles un lume encima cando querían saír da igrexa, caendo no chan sen se poder erguer ata que se arrepinten; van logo a confesar ante un bispo, solicitando penitencia, que consistiu en que as súas espadas fosen destruídas e convertidas en cintos que despois tería que levar á cintura.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra