Cabanillas e os artistas galegos do seu tempo

Actualizado 19/10/2009 12:36

museo de pontevedra

O Sexto Edificio do Museo da lugar a exposición Cabanillas e os artistas galegos do seu tempo, preparada en colaboración co Axuntamento de Cambados con motivo da conmemoración do cincuentenario do falecemento do reputado escritor.

Ramón Cabanillas (Cambados, 1876 – 1959), coñecido e moi valorado tamén fóra dos nosos lindes territoriais, foi sen discusión un dos grandes poetas galegos do século XX. Con forte presenza pública nalgúns momentos (segunda e terceira década desa centuria en particular), con menor brillo noutros (anos da Segunda República e décadas dos corenta e cincuenta), participou moi activamente dende o seu ámbito creativo, en especial durante o primeiro período acoutado, nos debates e preocupacións do seu tempo, un tempo cuxa vida diaria, unindo dende o presente reflexión histórica e propostas de futuro, axudou como poucos a construír.

A participación de Cabanillas nas discusións teórico-prácticas da súa época facilitou o seu achegamento, o seu trato frecuente cos máis destacados artistas da época, non todos da súa xeración. Cos máis compartiu mesmo presupostos ideolóxicos, centrados esencialmente, nun momento de singular brillantez cultural, na procura da identidade, na potenciación da diferenza (lembremos verbo disto que foi considerado significativamente como o poeta da raza), no afán por crear, en suma, unha escola de arte xenuinamente galega; unha meta cuxo arranque afunde as súas raíces no século XIX e á que tratarán de chegar tamén —proba evidente da súa significación, do arraigado que a tal arela estaba no ambiente, en paralelo, non o esquezamos, co que acontecía polas mesmas datas alén das nosas fronteiras físicas— outros moitos creadores dende premisas conceptuais distintas.

Esta exposición, comisariada por Xosé Carlos Valle Pérez, director do Museo de Pontevedra e programada para conmemorar o cincuentenario do pasamento do escritor, analiza as relacións de Cabanillas cun numeroso grupo de artistas galegos, privilexiadas nalgúns casos (con Castelao, Lloréns, Asorey, Camilo Díaz ou Cebreiro, entre outros, iniciáronse xa antes da Guerra Civil; con Agustín Portela, Tino Grandío ou Isaac Díaz Pardo, sen dúbida por razóns biocronolóxicas, concretáronse con posterioridade), menos densas noutros (Castro Gil, Méndez, Imeldo Corral, Colmeiro , Maside); todas en calquera caso, máis alá da intensidade, de enorme interese por permitirnos coñecer, ao mesmo tempo que a evolución creativa do poeta, a moitos de cuxos textos esas obras proporcionaron imaxe ou, se se quere, visualización, reforzando, en consecuencia, o seu impacto, a dos propios artistas, os cales tiveron con frecuencia nas palabras de Cabanillas ao mellor crítico, ao máis preciso cantor das súas excelencias formais.

A exposición estará aberta ata o 15 do vindeiro mes de novembro e poderá ser visitada, de martes a venres, de 18:00 a 21:00 horas, os sábados de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas e os domingos de 11:00 a 14:00 horas, permanecendo pechada os domingos pola tarde e os luns todo o día. Os grupos organizados poderán visitar a exposición fóra destas horas, sempre dentro dos horarios de apertura do Museo, debendo concertar a visita previamente co Gabinete Didáctico. Haberá tamén visitas dirixidas, durante o tempo de vixencia da exposición, os xoves e os sábados ás 19:00 horas.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra