Inaugurada a exposición "Valle-Inclán debuxado. Obra ilustrada en el Museo de Pontevedra"

Actualizado 20/10/2009 13:38

museo de pontevedra

Na sala de exposicións temporais do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, Organismo Autónomo da Deputación Provincial, foi inaugurada o xoves, día vinte e dous, ás oito da tarde, a exposición “Valle-Inclán debuxado. Obra ilustrada no Museo de Pontevedra”, comisariada por Javier Serrano Alonso, Amparo de Juan Bolufer, Margarita Santos Zas e Francisca Martínez, da Universidade de Santiago de Compostela, organizada coa colaboración da Cátedra Valle-Inclán da Universidade compostelá, do Concello de Lugo e de Caixanova.

A mostra está conformada por dúas seccións. A primeira constiténa máis de duascentas imaxes debuxadas de Valle-Inclán realizadas por diversos artistas desde finais do século XIX ata o seu falecemento en 1936 e publicadas na prensa periódica e nas revistas ilustradas do momento, que permiten apreciar as transformacións no seu aspecto e o especial interese que os artistas da Idade de Prata tiveron por plasmar a efixie do escritor galego. Así, os mellores debujantes e ilustradores españois e hispanoamericanos, como Bagaría, Castelao, Fresno, Cebreiro ou Toño Salazar, entre outros, dedicáronse a modelar a súa imaxe orixinal e extravagante a través de numerosas caricaturas e retratos, reflectindo os sorprendentes cambios no aspecto de Valle-Inclán, que, máis que ser superficiais ou valeiros de contido, proxectaban a súa estética persoal e a súa maneira de entender o mundo.

A imaxe máis antiga de Valle-Inclán, da que só perdura unha fotografía, un retrato ó óleo e un par de caricaturas descúbrennos a un mozo burgués decimonónico, de pelo curto e ben peiteado, lentes montadas sobre o naris e un coidado bigote. Pouco despois, tralo seu regreso da aventura mexicana será representado cunha cabeza artística inconfundible, figura por excelencia do escritor mozo modernista, cuxa estampa perdurará durante dez años, para logo aparecer cunha melena merovinxia, barba crecente, lentes que evolucionan ata as gafas de carei, no momento en que escribe as cuatro “Sonatas”, “Aromas de leyenda” e as primeiras “Comedias bárbaras”.

A estampa de Valle-Inclán cambiará cara ó 1910, momento no que abandona un dos tres símbolos que o caracterizaran como modernista rabioso, cortando as súas melenas e deixando a súa cabeza case pelada. Desde entón será retratado como un monxe concentrado nos misterios do universo ou como un fidalgo que mostra os seus aires aristocráticos e o seu espírito lendario e épico.

Outra representación esencial de Valle-Inclán será a que o representa nas tertulias, nas que exercía o seu influínte maxisterio artístico e humano e nas que sempre había artistas plásticos que recollían o seu aspecto.

Segundo avanza o tempo, a image do escritor irase adaptando ó seu estado físico, representando a un home xa ancián, resgardado na súa capa e nas súas barbas, que volve a deixar melena, nun principio de ton grises que se irán voltando brancos.

A esta serie de imaxes, o Museo de Pontevedra aporta tamén un retrato ó óleo de Valle-Inclán, datado en 1914, da autoría de Anselmo Miguel Nieto, e unha fotografía inédita do escritor.

A segunda sección da exposición está conformada por un amplo conxunto bibliográfico, integrado por máis dun cento de obras de Valle-Inclán ilustradas polos máis destacados artistas da época, seleccionados na súa maior parte da biblioteca do Museo de Pontevedra, así como outros procedentes da Biblioteca Universitaria de Santiago.

A mostra permanecerá aberta ata o día quince de novembro, domingo, co seguinte horario: de martes a venres, de seis a nove da tarde; os sábados, de once a dúas e de seis a nove, e os domingos e festivos, de once a dúas.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra