VIII Memorial Filgueira Valverde

Actualizado 23/10/2009 10:57

museo de pontevedra

No salón de actos do sexto edificio do Museo de Pontevedra, Organismo Autónomo da Deputación, foi inaugurado o luns, día 26, o VIII Memorial Filgueira Valverde, organizado conxuntamente coa Universidade de Vigo e Caixanova, que promoven a Cátedra “Filgueira Valverde”.

Nesta ocasión as conferencias programadas xiraron en torno ó tema “Reflexos da peregrinación e do culto a Santiago”, tendo en conta que o profesor Filgueira tivo á cidade de Santiago e á peregrinación da que foi meta, con tantas e fecundas derivacións, como un dos eixos do seu denso labor investigador e que moitas das súas publicacións sobre a cidade compostelá e as consecuencias do culto ó Apóstolo seguen a ser a día de hoxe de imprescindible consulta.

Ademais, a celebración en 2010 dun novo Ano Santo Compostelán preséntase como unha ocasión apropiada para volver a reflexionar, actualizando os coñecementos, sobre algún dos temas que permanecen unidos ó maxisterio de Filgueira Valverde.

O programa do Memorial foi o seguinte:

  • -O luns, 26, disertación de Ángela Franco Mata, do Museo Arqueológico Nacional de Madrid, sobre “O acibeche compostelán e a peregrinación e o culto a Santiago”.
  • -O martes, 27, Xosé Suárez Otero, da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, tratou o tema “Peregrinación e comercio na Idade Media”.
  • -O mércores, 28, disertou Ofelia Rey Castelao, da Universidade de Santiago de Compostela, sobre “O padroado de Santiago: orixen, desenvolvemento e consecuencias”.
  • -O xoves, 29, a conferencia estivo a cargo de Yolanda Barriocanal López, da Universidade de Vigo, que abordaou o tema “A iconografía de Santiago no gravado compostelán”.
Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra