Pasarela Debut 09 e exposicións de moda

Actualizado 23/11/2009 17:11

museo de pontevedra

Como complemento da pasarela Debut 09, organizada en colaboración pola Escola de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, que se celebrará o xoves, día 26 de novembro, o Museo de Pontevedra programou as exposicións A moda na burguesía feminina de Pontevedra. 1856-1929, na que se exhibirá unha selección de fondos do propio Museo, fundamentalmente dos que pertenceron ás irmás Mendoza-Babiano Méndez –Núñez, e Éxtasis de Amai Rodríguez.

A primeira das mostras céntrase no mundo burgués feminino de Pontevedra. A través dos fondos do Museo búscase significar cómo na Pontevedra desa época as damas da burguesía gozaban das últimas novidades con igual prontitude que en calquera outra gran cidade europea grazas, por un lado, ás revistas de moda e, por outro, á edición de catálogos de venta e mostrarios expedidos polos grandes almacéns parisinos e as máis importantes tendas de Madrid ou Barcelona.

A Revolución Industrial e, como consecuencia, o desenvolvemento da fabricación en serie, o emprego da máquina de coser e a aparición de novos materiais froito do desenvolvemento tecnolóxico, permitiron, xunto coa consolidación dunha solvente clase media, ávida de manifestar a súa recente adquirida posición socioeconómica, o xurdimento dunha oferta e un mercado que deron o inicial impulso que o mundo da moda necesitaba para acadar certo carácter global. Sen dúbida unha globalización con moitos matices, que afectou basicamente a cidades e vilas e principalmente á burguesía e á aristocracia, pero que non deixou de ter a súa repercusión, sobre todo desde finais do século XIX, na clase obreira.

Nun mundo no que ser o que se aparentaba era máis importante que aparentar o que se era, as damas burguesas, tanto europeas como americanas, erixiranse nun dos principais escaparates desta realidade, multiplicando as súas prendas e facendo ineludible o uso de innumerables complementos que puxeran en evidencia a posición socioeconómica da súa familia. Ademais, prestarán os seus corpos ás manipulacións que esixa a moda. Contorsionan a súa figura ata facer desaparecer a súa forma natural mediante a superposición de prendas interiores e o uso do xustillo, co que levarán a medida das súas cinturas a cifras imposibles; a maquillaxe, as cremas e os produtos dentífricos e depilatorios faranse case obrigados para conseguir a uniforme brancura esixida para a pel e os dentes; colorearanse meixelas e beizos, e tinturas e aceites daranlle o lustre necesario ós seus cabelos.

Na mostra poderán contemplarse diversos modelos de roupa feminina, os seus complementos (bolsos, abanos, xoias, zapatos, luvas, parasoles, cinturóns e sombreiros), botóns e pasamanería, contas, lazos de cinta, encaixes e produtos de beleza, así como exemplares de revistas de moda e de catálogos publicitarios.

Na segunda das exposicións, a deseñadora Amai Rodríguez, nacida en Poio en 1985 e formada na Escola de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza de Deseño, a cuxa primeira promoción pertence, exhibirá a súa colección Éxtasis para a tempada primavera - verán de 2010, coa que obtivo na pasada edición da pasarela El Ego de Cibeles, celebrada no mes de setembro, o Premio L’Oreal París.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra