Estrea de Sombras sen sombra: o caso de Rosalía de Castro

Actualizado 23/11/2009 18:06

museo de pontevedra

O luns 30 de novembro, no salón de actos do Sexto Edificio do Museo, ás oito do serán, estrearase unha produción do Taller de J. A. Durán (Ed), cuxos dereitos exclusivos de emisión en lingua galega foron adquiridos pola Televisión de Galicia (TVG)

Trátase dun documental biográfico da serie “Memoria e Historia”, 55 minutos, narrado a 4 voces. Con guión e dirección de José Antonio Durán, realizado por Jorge Durán. Con motivo da apertura da sede galega do seu Taller de Edicións en Pontevedra.

Hai dez anos (1999), José Antonio Durán sementou as dúbidas que hoxe comparten outros sobre a paternidade da escritora, atribuída desde a morte de Murguía (con rara unanimidade) a un crego determinado (cuxo nome comeza a aparecer aínda máis tarde). Non só por iso, Durán pensa que a de Rosalía é unha historia mal contada.

Utilizando novas fontes e aplicándolle unha profunda reinterpretación analítica, Sombras sen sombra ofrece –como pouco- unha visión máis histórica e crible do personaxe. Pero as novidades desta crónica familiar non son só informativas e interpretativas, tamén son audiovisuais, dado que Rosalía de Castro, a pesar da extraordinaria relevancia internacional, non foi obxecto de aproximacións histórico-biográficas no campo documental. Nese aspecto nunca pasou de ser unha especie de ente de ficción.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra