21/01/2010 Inauguración da exposición Marín. Fotografías 1908 -1940

Actualizado 18/01/2010 13:24

museo de pontevedra

Ás oito da tarde do próximo xoves, día 21, será inaugurada no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, a exposición MARÍN. Fotografías 1908 -1940, promovida por Fundación Telefónica.

A través desta mostra realízase un percorrido pola obra de Luis Ramón Marín (Madrid, 1884-1944), quen foi fotógrafo de prensa entre 1908 e o final da Guerra Civil. Asinaba os seus traballos co segundo apelido e formou parte desa xeración de fotógrafos españois que construíron o oficio de reporteiro gráfico a base de intuición e traballo. Viviu sempre en Madrid, cidade na que desenvolveu a maior parte da súa actividade, aínda que moitas das reportaxes que fixo ao longo da súa vida o levaron a traballar por toda a xeografía española. Os seus inicios na fotografía coincidiron co nacemento en España da prensa ilustrada e a incorporación da imaxe fotográfica ao medio imprimido.

As cento cincuenta imaxes seleccionadas percorren os trinta e seis anos de produción de Marín e pertencen a un arquivo composto por preto de 18.000 negativos, na súa maioría de cristal, que sobreviviu. A mostra estará aberta ao público nos horarios habituais das exposicións temporais, ata o 21 de febreiro.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra