Ciclo: A Historia da Música Clásica contada a través da vida e obra dos Compositores

Actualizado 03/02/2010 14:32

museo de pontevedra

Obxectivos da actividade

Con este ciclo de Audicións de Música clásica realizaremos unha viaxe a través da Historia da Música baseándonos na obra, a biografía e o ámbito sociocultural de cada un dos seguintes compositores: Wolfgang Amadeus Mozart, Frederick Chopin, Johann Sebastian Bach e Pjtor Ilych Tchaikovsky.

Mediante a análise pormenorizada dos diferentes momentos históricos e estéticos que lles tocou vivir a cada un deles, e co concurso das audicións das obras máis representativas que escoitaremos, pretendemos que os asistentes ao Ciclo gocen do pracer de escoitar música clásica ao tempo que obteñen unha información previa do compositor e da importancia que, para a súa creación artística, tivo o ámbito histórico, social, e estético no que se desenvolveron.

Ademais, resaltaremos o que cada compositor ten de destacable e único dende o punto de vista musical para que, unido ao xa comentado, o auditorio contextualice as obras e ao seu autor. Noutras palabras, o obxectivo último destas xornadas é conseguir que os asistentes coñezan máis e mellor o que representa a Música Clásica na historia do ser humano e, sobre todo, divulgar unha das expresións artísticas máis emocionantes, conmovedoras e agradecidas xurdidas da forza creadora do home: A Música.

Celebración

O ciclo impartirase no Salón de Actos do Museo de Pontevedra en horario de 11.30 a 13.30 horas.

A duración do Ciclo será de dezaseis sábados, comezando o primeiro sábado de febreiro de 2010 e finalizando o último sábado de novembro de 2010, segundo o calendario seguinte:

  • 1.- W.A. Mozart: días 13, 20 e 27 de febreiro, e 6 de marzo.
  • 2.- F. Chopin: días 10, 17 e 24 de abril, e 8 de maio.
  • 3.- J.S. Bach: días 5, 12, 19 e 26 de xuño.
  • 4.- P.I. Tchaikovsky: días 6, 13, 20 e 27 de novembro.
  • As audicións comentadas teñen unha duración de dúas horas, cun descanso de 5 minutos.

    Non é necesario ningún tipo de coñecemento previo, unicamente o gusto pola música. Inscrición

    Realizarase, mediante chamada telefónica (986851455) ou por correo electrónico (gabinetedidactico.museo@depo.es), a través do Gabinete Didáctico do Museo. Admitiranse inscricións ata completar o aforamento da sala. Curriculum profesional de Manuel López-Benito Álvarez, director do ciclo

    O musicólogo e divulgador Manuel López-Benito Álvarez vén impartindo Cursos de Apreciación Musical en Galicia dende hai once anos. Son múltiples as temáticas que cobren os seus Seminarios, destacando os monográficos que sobre La Música del Renacimiento Español, O Barroco Europeo, A Historia da Ópera ou A Historia da Música Clásica: Dende as orixes ao século XX, celebrou durante estes anos.

    Así mesmo, e patrocinado pola Fundación Caixagalicia impartiu, nas súas sedes de Vigo, Pontevedra e Ourense, multitude de Ciclos con obxectos de estudo tan variados como O Romanticismo Musical, O Impresionismo Musical, ou A Música Instrumental europea e os Polifonistas do século XVI.

    Dentro da súa actividade divulgadora da Música Clásica presentou diversos Festivais destacando entre eles o I Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso.

    Por último, sinalar que é o creador e administrador dun portal de Música Clásica en Internet, www.clasica2.com, onde día a día incorpora con carácter didáctico e divulgativo, múltiples e variados artigos que tratan diversos aspectos relacionados coa Música Clásica.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra