Novas adquisicións do Museo de Pontevedra: Fr.Martín Sarmiento: Reflexiones sobre el libro Celanova ilustrada o anales de San Rosendo

Actualizado 10/02/2010 14:55

museo de pontevedra

Co n.º 17.575 do libro de rexistro do Museo de Pontevedra figura un manuscrito do pai Frei Martín Sarmiento (1695-1772) titulado con reflexións sobre dúas obras con noticias do tombo de San Salvador de Celanova. A data do asento é do 15 de setembro de 2009 e foi produto dunha adquisición nunha galería madrileña especializada en gravados, mapas e libros antigos.

Trátase dun libro autógrafo do P. Sarmiento, de 56 páxinas en papel, de 30 x 21 cm, está encadernado en pasta dura recuberta de pergameo e encóntrase en bo estado de conservación salvo por pequenas fendas nas cubertas e lixeiras manchas.

Comeza Sarmiento cunha pequena Noticia de un extracto de el libro becerro de Celanova, autógrafa e asinada o 1 de xaneiro de 1752, onde fala brevemente da copia do libro becerro do devandito mosteiro de San Salvador obtido por mandato do Oidor de la Real Cancillería de Valladolid, Gil Ramírez de Arellano en 1596. Continúa coa análise de Celanova ilustrada de frei Benito de la Cueva, tamén manuscrito de Fr. Martín inda que carece de data e sinatura e que ocupa a maior parte do exemplar que nos ocupa. En ambos casos advirte Sarmiento da falta de rigor nas cronoloxías que transmiten ambos documentos.

Estamos pois ante un elemento de enorme interese por varios aspectos:

1.- Trátase dun orixinal autógrafo do P. Sarmiento, inédita e asinada do seu puño e letra. Tendo en conta que coñecemos máis a súa obra completa polas copias das coleccións de Medina Sidonia e de Pedro Franco Dávila, ser un orixinal autógrafo confírelle un gran valor.

2.- Remítenos a dúas fontes interesantes para o estudo do mosteiro de San Salvador de Celanova, fundado por San Rosendo no século X.

3.- Para o arquivo do Museo de Pontevedra ten unha especial significación porque vén a engrosar o rico fondo do monxe beneditino; tres dos 17 tomos da colección de Medina Sidonia que inclúen no seu interior algúns orixinais, dez cartas dirixidas ao seu irmán, a Dª. Constanza de Lemos ou á mesma vila de Pontevedra, e algunhas copias de tratados independentes (orixe da casa de Samos, colección de voces e frases galegas, sobre a orixe da voz Meco, orixe dos maragatos, etc.).

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra